Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Xa hai gañadores do concurso de videopoemas da casa museo de Manuel María

Por 16 Maio, 2022Sin comentarios

Gloria Iglesias Grobas, do CPI de Xanceda, co videopoema Parte miña, e Hiba Lajouad Dyani, do IES n.º 1 da Estrada, co videopoema Cand’era tempo d’inverno son as gañadoras da Vª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Os premios entregados, na mañá deste sábado, durante o acto en que se expuxeron os traballos finalistas desta edición.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema Cand’era tempo d’inverno, “a súa expresividade, os planos de grande intencionalidade estética e os acertados ritmos nunha narración que xira ao redor dunha excelente interpretación do poema que consegue engrandecer o relato visual”.

Canto ao outro videopoema gañador, Parte miña, o xurado xustifica a súa elección “pola súa exploración do poema cun persoal recitado que complementa moi ben a narración en branco e negro, con encadramentos moi coidados, gran plasticidade e carga dramática, e unha música que reforza a mensaxe”

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta cuarta edición que se cerrou no día de hoxe presentáronse un total de oitenta e dous videopoemas e contou con participantes de centros educativos de Lugo, Ourense, A Coruña, Rodeiro, Sanxenxo, Xanceda, Panxón, Porriño, Carballo, Narón, Portas, Valga, Moaña, Maceda, Cambados, Castro de Ribeiras de Lea, Pontevedra, Monforte, Redondela, Neda, A Estrada, Rianxo e Compostela.