Skip to main content
Alfoz

A Deputación colabora coa Feira do Trece de Carballido, Alfoz

Por 19 Xuño, 2022Sin comentarios

Este sábado celebrouse a Feira do Trece, na parroquia de Carballido, en Alfoz, unha cita que organiza a asociación de veciños de San Sebastián de Carballido, en colaboración co Concello de Alfoz e a institución provincial. 

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, fixo entrega dos trofeos doados pola Deputación no concurso de gando, con premios para os mellores exemplares en vacún e equino. Nesta ocasión contouse coa participación nesta cita que trata de impulsar o sector primario da comarca da Mariña. 

Un evento que o colectivo veciñal recuperou no 2018 tentando emular as feiras que acollía este Lugar do Trece hai máis de 30 anos, sendo un dos máis punteiros da zona. Nese sentido, a Deputada resalta que, “despois de dous anos tan duros de pandemia, é unha gran noticia volver estar aquí porque nos axuda a seguir poñendo en valor e apoiando o noso sector agrogandeiro e o noso rural, que son realmente a esencia da provincia de Lugo”.  Ademais, que volva esta cita ten un dobre valor, explica, “porque no 2018 recuperárase despois de moitos anos sen facelo, e isto  é un feito moi importante, que dá boa mostra do que, dende a Deputación de Lugo, non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”.

A feira contou con exhibición de gando vacún, cabalar, porcino e aviar, contando coa presenza de razas autóctonas como porco celta, galiña de Mos, can de palleiro ou vaca cachena. Nesta edición a feira reuniu medio cento de postos cunha ampla selección de produtos de alimentación, artesanía, maquinaria agrícola e de artigos vencellados co sector.  Ademais, o programa incluíu espectáculos de exhibición canina, sesión vermú, xantar, cea e verbena. 

A Deputación de Lugo colaborou coa asociación de veciños na mellora do local social do colectivo, que se atopa no lugar do Trece, onde se celebra esta feira. A axuda ascendeu a 16.645€ para reparar a cuberta e as escaleiras que comunican a planta baixa co primeiro andar.