Skip to main content
Cultura AMARIÑAXARibadeo

Xosé Farruco, Asociación Francisco Lanza: “Mantivemos o facho aceso da cultura en Ribadeo estes 50 anos”

Por 12 Xuño, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Xosé Farruco Graña Rama é o presidente da Asociación Francisco Lanza.

Que é AC Francisco Lanza?

Somos un colectivo ribadense que ao longo de moitos anos sacaron adiante un feixe de actividades que deron vida á vila e parroquias. E para coordinar as inquedanzas de todas esas persoas, houbo distintas directivas das que formaron parte moitas persoas vinculadas de sempre coa actividade social e cultural ribadense.

E quen forma a directiva?

Actualmente conformamos esa directiva Xosé Farruco Graña Rama (presidente), Antonio Deaño Gamallo (vicepresidente), Enrique Campos Dorado (secretario), Neves Paz Vilar (tesoureira), e como vogais: Dores Fernández Abel, María Luisa Mon Bellón, María Victoria López Louro, Andrea Martíns Fernández e María Belén Pérez Teijo. Cómpre lembrar a quen foron presidentes/as ao longo da nosa historia: Manuel Moreda Pérez (1971-73), Xosé Yáñez Basanta (1973-1978), Eduardo Gutiérrez Fernández (1978-2002), Teresa Díaz Estévez (2002-2006), Xavier Campos (2006-2008), e Dores Fernández Abel (2008-2022).

Dende cando se atopa na presidencia?

A directiva renóvase cada ano na asemblea xeral de socios e socias que adoitamos facer a finais de decembro ou principios de xaneiro. Despois de moitos anos presidindo a asociación, Dores Fernández Abel pediu o relevo, aínda que segue vinculada á directiva. Non podemos deixar de lado a experiencia de tantos anos.

Cantos membroas son?

Pois preto de 100 socias e socios. A cifra pode ir oscilando segundo os anos. Ribadeo é un lugar moi dinámico e sempre hai xente de paso que, mentres está, quere participar na actividade cultural. Gustaríanos ir a máis, nomeadamente entre a xente máis nova: é o reto que nos propoñemos para esta nova etapa.

Por que ese nome? Quen era Francisco Lanza?

Francisco Lanza foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguista. A súa familia proviña de Vilaselán. Cursou os seus estudos en Ribadeo. Fundou en 1919 o semanario local La Comarca (que aínda podemos ler hoxe), de tendencias liberais e progresistas, no que escribiu numerosos artigos. En 1927 comezou a súa relación co Seminario de Estudos Galegos, no que entrou en 1929 co seu traballo Ribadeo bajo el señorío de sus condes, formando parte das seccións de xeografía e de historia.

“Repasando a historia da asociación sorprendeume enormemente a capacidade de traballo despregada ao longo destes cincuenta anos: a Agrupación Cultural Francisco Lanza foi o xermolo dun feixe de actividades das que habería de agromar moito tecido asociativo que cobrou posteriormente vida por si mesmo: deporte, cultura, teatro, activismo social, ecoloxía…”

Colaborou na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega, onde publicou diversos traballos históricos e etnográficos sobre Ribadeo. En 1931 emigrou a Buenos Aires, onde traballou en diversos periódicos e publicacións ata a súa morte. A intención, á hora de escoller nome para asociación era clara: buscar o vínculo co galeguismo de preguerra para unir dúas épocas e deixar atrás os anos escuros do franquismo.

Que actividades fan?

Temos un repertorio moi variado, aínda que un tanto minguada pola covid. Charlas/debate, presentacións de libros, recitais poéticos, os paseos da Paco Lanza, as Xornadas de Historia Local, as Palabras no balcón, algunha viaxe cultural (como foi a visita ás exposición do “pergamiño Vindel” ou a referida ao cadro de Castelao A derradeira lección do mestre exposto na Cidade da Cultura), promoción do libro galego cando a festa das Letras Galegas, algún concerto musical convidando a grupos novos que necesitan proxección do seu bo facer, editamos cada certo tempo os Cadernos Ribadenses, actividades para pícaros e pícaras, cada ano editamos un almanaque en galego no que escollemos algunha imaxe singular xa sexa da vila ou das parroquias…

Cales son as máis representativas?

Quizais as charlas/debate, os paseos, os recitais poéticos, as Palabras no balcón, as viaxes culturais e as Xornadas de Historia Local, aínda que levamos a cabo outras moitas.

Cumpliron 50 anos, fixeron algo especial?

O ano pasado celebramos o noso 50 aniversario editando un número especial dos Cadernos ribadenses que é todo un referente, mesmo para ser empregado nas aulas da vila e da comarca pois reflicte moi ben a nosa historia recente. Seguro que ler un artigo no que che comentan como había que entregar ao censor o texto da conferencia/charla que se fora impartir para que dera a súa aprobación, e que un policía/censor estivera presente en cada charla para comprobar que non te saltabas o guión, había resultar ben instrutivo para a xente nova.

Que aporta a asociación á vida cultural ribadense?

Dinamismo e vida. Repasando a historia da asociación sorprendeume enormemente a capacidade de traballo despregada ao longo destes cincuenta anos: a Agrupación Cultural Francisco Lanza foi o xermolo dun feixe de actividades das que habería de agromar moito tecido asociativo que cobrou posteriormente vida por si mesmo: deporte, cultura, teatro, activismo social, ecoloxía… Insisto, para todas e todos nós sería moi instrutivo repasar estes anos de historia tan activos vividos desde os últimos anos do franquismo lendo os “Cadernos ribadenses” dedicados ao noso 50 aniversario. Unha vez máis ou menos superada a pandemia temos que retomar a actividade. A historia segue, os problemas son outros, pero están aí. E debemos ser sensíbeis, darlles proxección; e tamén volver a facer actividades de lecer, aínda que con inquedanza cultural.

Contan con apoio municipal para as actividades?

Contamos. Temos un convenio co Concello (ao igual que outras entidades) segundo o cal nos comprometemos a realizar unha serie de actividades que dinamicen (como fixemos sempre) a vida cultural de Ribadeo.

Que necesidades ten a asociación?

Cada vez é máis complexo xestionar as cuestións administrativas. As asociacións culturais de base teñen cada vez máis problemas para realizar xestións ante a Administración. Obviamente, os mecanismos de control por parte das distintas administracións teñen que ser eficaces, é certo. Pero o ideal sería atopar a maneira de manter eses controis sen que supoña un calvario para persoas que, de xeito desinteresado, tan só queren sacar adiante actividades que dean vida ao seu entorno máis inmediato.

Que é o máis importante que conseguiu a asociación?

Moitas cousas, pero mantermos o facho aceso da cultura en Ribadeo durante cincuenta anos quizás sexa o máis meritorio. Anímoas a todas e todos vostedes a que consulten os Cadernos Ribadenses. Especial 50 Aniversario. Paga a pena.