Skip to main content
Lugo

A licitación as obras de mellora da residencia das Gándaras, en Lugo

Por 9 Xuño, 2022Sin comentarios

As obras de mellora da residencia das Gándaras, de Lugo, están en proceso de contratación. Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, durante a súa participación no programa Pulsamos Lugo, que porá en contacto ao longo dos vindeiros meses aos maiores que viven no centro con representantes de diferentes eidos da sociedade luguesa.

Arias explicou que acaban de saír a licitación na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia as obras de substitución dos falsos teitos e da iluminación da planta baixa, por un orzamento de 113.700 euros. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o día 27 de xuño.

A renovación do falso teito afectará a unha superficie total aproximada de 1.240 metros cadrados de diferentes zonas de uso comunitario, como o comedor, os aseos, a sala de estar e televisión, a biblioteca, a cafetería, as áreas de Fisioterapia, Podoloxía, Recepción e Administración; ademais do vestíbulo, despachos e corredores.

Mudaranse tamén os altofalantes e reporanse o resto de elementos existentes nos teitos coma detectores de incendios, iluminación de emerxencia, puntos wifi ou sinalización. Ademais, substituiranse as luminarias por outras tipo LED máis eficientes que proporcionan maior confort e aforran enerxía.

Así mesmo, nas próximas semanas está previsto formalizar un contrato de 48.200 euros para levar a cabo a mellora da instalación eléctrica. Arias referiuse tamén ás obras de maior envergadura para as que a Xunta reserva 1,7 millóns de euros nos orzamentos deste ano e que prevén a rehabilitación integral do edificio, que se distribúe en oito andares e planta baixo cuberta.

En canto ao ciclo Pulsamos Lugo, está organizado pola Xefatura Territorial de Política Social e Xuventude como unha actividade de lecer que permite aos maiores que viven nas Gándaras exercer de xornalistas por un día e tomar o pulso da cidade entrevistando a representantes dos eidos xornalístico, deportivo, sanitario, político e social da cidade.

Durante case unha hora os residentes interesáronse polo día a día do delegado, polos proxectos dos que se sente máis orgulloso e por aqueles que lle gustaría anunciar para a provincia de Lugo. O encontro serviu para coñecer non só a faceta máis profesional e política do máximo responsable da Xunta en Lugo senón tamén para achegarse ao seu perfil máis persoal.