Skip to main content
Quiroga

O BNG de Quiroga reclama por escrito a Movistar melloras no seu servizo

Por 20 Xuño, 2022Xuño 21st, 2022Sin comentarios

O BNG de Quiroga pide para o municipio “un servizo e unhas prestacións dignas”.

Dende o BNG de Quiroga laméntase da falta de bos servizos que está a prestar Movistar aos quirogueses nos últimos meses. Neste senso, definen este como “un problema moi serio” e piden aos habitantes que se sumen “á loita común de esixirlle a esta operadora de telefonía un servizo e unhas prestacións dignas e á altura do século XXI”. Isto quere dicir, que debe ser un “servizo óptimo e con garantías de cobertura as 24 horas do día e os 365 días do ano para toda a veciñanza do Concello de Quiroga, xa sexa da vila como dos núcleos rurais”.

Asemade, desde o partido informan que días atrás realizaron “unha reclamación formal por escrito en nome da veciñanza” e que acordaron mobilizarse “conxuntamente polo ben de todas e todos este luns día 20 de xuño diante do Concello”.

Deste xeito, desde a formación política comprenden esta problemática “como unha reivindicación do pobo” e están convencidos de que “a unión sempre fai a forza”. Por iso, na queixa que trasladan a Movistar solicitan “que se garantice o servizo e que se compense e/ou indemnice por danos e prexuizos a todas e todos os prexudicados polas avarías destes últimos meses”.

Ademais, informan que proximamente analizarán o envío de queixas ao Valedor do Pobo e ao Defensor del Pueblo.