Skip to main content
Mondoñedo

Mondoñedo rehabilitará dúas edificacións para alugueiro social

Por 4 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo rehabilitará dúas edificacións de titularidade municipal da rúa Rigueira para dirixilas a alugueiro social cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. De feito, o Instituto Galego de Vivenda e Solo vén de resolver a aprobación da solicitude cursada polo Concello ao abeiro da convocatoria deste 2022. 

A Xunta de Galicia achegará un total de 64.191,92 euros que se corresponden co 90% do total do orzamento do proxecto para a rehabilitación integral das dúas edificacións que ascende a 71.324,35 euros. As obras deberán estar finalizadas, en ambos casos, o 6 de outubro de 2023.

O goberno local amosa unha vez máis o seu “compromiso coa rehabilitación e posta en valor do noso casco histórico”, unha das liñas de traballo que recolle a segunda fase plan ‘Mondoñedo, Municipio para Investir’. E, neste caso, destacan tamén un segundo obxectivo: “a posta a disposición de vivendas para aquelas familias que as poidan precisar ou que teñan máis dificultades para acceder a outro tipo de alugueiro”.

Con esta nova iniciativa, o Concello de Mondoñedo e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúan a colaborar para a rehabilitación de vivendas para alugueiro social. Recentemente, a conselleira, Ángeles Vázquez, anunciaba a redacción dos proxectos de rehabilitación e dirección de obra dos 13 edificios adquiridos pola administración autonómica no casco histórico ao abeiro do Programa Rexurbe que ten como finalidade a súa recuperación para convertelos en vivendas de promoción pública.

ÁREA REXURBE

O Concello de Mondoñedo foi o primeiro de Galicia, en febreiro do 2020, en ter declarada unha Área Rexurbe que comprende o conxunto histórico do municipio e unha zona contigua que, na súa totalidade, supón unha superficie de 0,45 km2 na que se localizan 704 edificios e 915 vivendas.