Skip to main content
Viveiro

O BNG de Viveiro só votará a favor da Ordenanza das praias se inclúe Seriamar e Arnela

Por 28 Xullo, 2022Sin comentarios

A concelleira do BNG, Miriam Bermúdez, informa de que despois da moción presentada polo BNG fai un ano e as numerosas insistencias, por fin está elaborada a “Ordenanza de uso e aproveitamentos das praias de Viveiro”, presentada pola alcaldía de Viveiro “en medio do verán, e polo tanto chegando xa tarde para a súa aplicación neste 2022”, din os nacionalistas.

O BNG fai constar varias consideracións a esta ordenanza como que “sorprende que non apareza a Praia de Arnela nesta Ordenanza das Praias de Viveiro, quedando desaparecida ou fóra de uso e desfrute da veciñanza, polo que solicitamos a presenza desta praia no listado”.

Segundo, propoñen no Punto 2 do Artigo 19 modificar as datas de aplicación, “orixinalmente con prazos do 1 de xuño ao 30 de setembro, para que esta medida se aplique desde o 15 de xuño ao 15 de setembro”.

“Tamén vemos necesario incluír neste apartado a excepcionalidade na prohición de animais de compañia nas praias de uso compartido, quedando o texto da seguinte maneira: está prohibido o acceso á praia de cans ou calquera animal de compañía dende o 15 de xuño ao 15 de setembro, de 09:00 a 21:00 horas, agás nas praias autorizadas para uso compartico de persoas con mascotas”, engaden.

Así mesmo  e neste mesmo artigo, consideran imprescindible incluír un Punto que diga que dentro das praias de uso compartido, persoas e mascotas, inclúense as de Seiramar e Arnela”.

Míriam Bermúdez afirma que “este punto é requisito indispensable para que o BNG vote a favor desta Ordenanza. Por un lado, en cumplimento coa moción do BNG aprobada en pleno sobre habilitar lugares para cans en praias e zonas verdes de Viveiro. E por outro lado, atendendo á demanda histórica da veciñanza de Viveiro, con innumerables solicitudes presentadas ao Concello de Viveiro, así como tamén, as exitosas recollidas de sinaturas que se realizaron e foron estregadas á alcaldesa, María Loureiro, tendo polo tanto constancia desta demanda e que lle foi recordada en numerosas ocasións.