Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Toda Galicia entra en nivel máximo de alerta por vaga de calor

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de estender a situación de alerta por vaga de calor nivel 3 (máximo) declarada o venres pasado nalgunhas zonas de Pontevedra a toda Galicia, cunha duración que se prevé ata polo menos o venres desta semana.

MeteoGalicia informa desde hoxe luns, e polo menos ata o venres, toda Galicia permanecerá baixo os efectos dunha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Trátase dunha situación excepcional na Comunidade galega, xa que ademais das altas presións que permanecerán estacionarias ao norte da península Ibérica, teremos unha DANA (Depresión Aillada en Niveis Altos) no Atlántico, ao oeste da península Ibérica, que fará que a intensidade e mesmo a duración desta chegada de aire cálido sexa superior a outros episodios. Isto fará que as temperaturas sexan moi elevadas durante este período tanto nos valores mínimos como nos máximos.

Porén, os centros sanitarios galegos están en sobre aviso polo previsible aumento de patoloxías asociadas á calor.

A situación rematará co achegamento desa DANA a Galicia, previsiblemente durante a fin de semana, xa que nese momento teríamos inestabilidade e polo tanto nubes, tormentas e entrada de aire atlántico, máis fresco e húmido que ocasionaría un importante descenso nos termómetros.

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e polo Servizo Galego de Saúde, pola Vicepresidencia segunda e  Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e polas Consellerías de Política Social e Xuventude e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Este plan, que está operativo dende o 1 de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás altas temperaturas, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar na maior medida posible danos á poboación.

Recomendacións

Dende a Consellería de Sanidade se quere, así mesmo, lembrar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor extremo.

Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a vinte.

Aínda que estas recomendacións son para a poboación en xeral, terase que extremar a  precaución nas persoas con risco de ter mais episodios adversos relacionados coa calor, como son os nenos e nenas menores de cinco anos, as persoas de idades avanzadas e as persoas con enfermidades crónicas: cardiocirculatorias, respiratorias, renais, mentais, diabetes, hipertensión arterial e obesidade.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.