Skip to main content
Lugo

Rematada a peonalización de Rafael de Vega

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

O tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, visitou a rúa Rafael de Vega xunto edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas e veciñas e veciños da zona, onde informou que “a peonalización xa está rematada, aínda que nas vindeiras semanas continuaremos instalando novo mobiliario urbano, como bancos ou varandas, para mellorar os servizos aos que ten acceso a veciñanza”.

“Trátase dunha zona da cidade que conta con moita poboación e que ata o de agora non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “gañar novos espazos para o uso das veciñas e veciños é un dos proxectos no que máis estamos a traballar desde o Goberno de Lugo, planificando actuacións nos distintos barrios”.

A solución executada polo Goberno de Lugo permitiu crear unha zona uniforme e contínua, cunha praza que favorece o carácter peonil do conxunto, mantendo a presenza de árbores e de zonas de sombra. A nova zona peonil inclúe novo alumeado ornamental a nivel do chan, que aumenta o ambiente cálido e acolledor desta nova zona. O espazo central organizouse en forma de grada urbana, e estará dotado de elementos de mobiliario urbano e papeleiras. O Tenente Alcalde felicitou a todo o persoal municipal e ás traballadoras e traballadores da empresa responsábel desta peonalización, especialmente ao xefe de obra, José Antonio Moscoso, “pola súa implicación neste proxecto”. Nas vindeiras semanas executarase tamén unha pequena obra na zona, debido a traballos que se poñerán en marcha na contorna a cargo de outros departamentos municipais.