Skip to main content
Lugo

Cs Lugo esixe solucións para o tapón de Rof Codina e a mellora do barrio

Por 13 Xullo, 2022Sin comentarios

A voceira de Cs Lugo, Olga Louzao, instou esta mañá ao Goberno local a solucionar o estreitamento á altura do número 41 da rúa Rof Codina para “emendar a falla de seguridade viaria neste punto crítico”.

Neste mesmo senso, Louzao pediu a área de Medio Ambiente que arranxe o peche perimetral da pista deportiva da praza de San Xoán que conta cunha portería rota, o que supón un “risco grave e real” para os usuarios por posible abatimento. Así mesmo, pide que se renoven os xogos na praza das Illas, moi deteriorados e que se acometan melloras no peche perimetral do parque infantil e se substitúa o pavimento do mesmo, “que se atopa nunha situación de deterioro irreversible”.

A concelleira alerta de que o barrio debe ser actualizado para evitar un retroceso na calidade de vida. “Desde este grupo puidemos comprobar en reiteradas ocasións o estado de abandono no que se atopa Montirón”.

“Ao problema do firme en numerosas rúas, sumase o tapón existente á altura do número 41 da rúa Rof Codina en sentido á praza de San Xoán, facendo de ese tramo un auténtico perigo para os viandantes e veciños e veciñas da zona”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

“É necesario rexenerar este barrio emblemático da cidade para frear a perda de poboación e asegurar a supervivencia da zona. As novas familias que se instalaron na zona teñen un perfil de idade diferente, existe un incipiente relevo xeracional e é necesario potencialo actualizando os equipamentos para os nenos e mocidade desde o punto de vista da seguridade. Existen buratos no chan nas zonas verdes que entrañan un risco, os parques infantís están moi deteriorados e os parques infantís presentan moitisimas carencias” asegurou.

“As demandas veciñais non están sendo atendidas. Tamén é necesario aumentar a vixilancia para garantir a seguridade e evitar posibles problemas de convivencia”, explicou a edil quen se amosou preocupada pola falta de seguridade viaria “motivada pola falta de visibilidade en condicións meteorolóxicas adversas nos puntos sinalados. É necesario que o Goberno local actúe sobre o tapón de Rof Codina de inmediato”.

Asemade, a formación laranxa considera necesario “crear beirarrúas cara a rúa Illa da Toxa, pois son case inexistentes. O barrio está cheo de barreiras que dificultan o tránsito e existe unha ausencia total de planificación para a adaptación da zona á Lei de accesibilidade. Exemplo disto, é o tramo de beirarrúa dende o número 46 de Rof Codina cara a praza San Xoán, xa que hai uns bolardos, que unidos ao vello aparcadoiro do antigo Cash-Ifa, fan intransitable a zona para unha cadeira de rodas ou carriño de bebés”, concluíu Olga Louzao.