Skip to main content
Monforte

Comezan hoxe as obras de reparación da ponte de madeira do Malecón monfortino

Por 21 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Monforte informa de que hoxe darán comezo os traballos de reparación e mellora da ponte de madeira do Malecón, polo que dende as 9 da mañá quedará pechada ó tránsito de persoas.

Tal e como anunciara a principios do mes de xuño o alcalde, José Tomé Roca, o Concello acomete a reparación desta ponte de madeira sobre o río Cabe, que se sitúa entre a rúa Santa Clara e o Paseo do Malecón, ‘debido ó estado actual de conservación da ponte, na que é necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situadas baixo o taboleiro e os acabados da madeira, que están en estado regular’.

A ponte que foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. A súa lonxitude total é de 36 metros e posúe un dobre arco lateral con taboleiro central. Cada un dos arcos laterais está formado, á súa vez, por outros dous unidos transversalmente.

Así, o rexedor monfortino indicou que, ‘dado o tempo transcorrido dende a súa construción e vista as necesidades de mantemento que presenta, decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se siga deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días’.

As obras que se realizarán a partir de hoxe para levar a cabo a reparación desta ponte de madeira sobre o río Cabe consistirán na comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas para subsanar o estado de oxidación dos elementos metálicos, limpeza, lixado e lasurado de todas as pezas de madeira da ponte e reparación de grietas existentes nalgunhas pezas, coa aplicación de resina epoxi.

Para esta actuación de mellora da ponte do Malecón, o Concello destinou un orzamento de 48.387,90 euros.