Skip to main content
Monforte

A XXII Mostra de artesanía Artelemos 2022 permitirá saborear distintas disciplinas artísticas

Por 23 Xullo, 2022Xullo 26th, 2022Sin comentarios

Este ano o Concello de Monforte de Lemos recupera a celebración da XXII Mostra de artesanía Artelemos, logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia. Celebrarase durante cinco días, do 5 ó 9 de agosto, na rúa Cardenal, como ben sendo habitual.

Dende a mostra ofreceranse produtos artesanais variados de diferentes disciplinas artísticas, dende orfebrería, cestería, coiro, lá , olería de Gundivós, cerámica, etc. Do mesmo xeito, o público que asista a esta mostra poderá ver en vivo a elaboración de pezas que os propios artesáns realizarán e organizaranse diversos obradoiros destinados aos nenos.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentaba ante os medios de comunicación o cartel anunciador e o programa da mostra resaltando que ‘serán, como cada ano, a antesala das festas patronais da cidade, dentro do noso programa cultural de verán, abrindo o mes de agosto con este recoñecemento e promoción dos nosos artesáns’.

‘Tras dous anos de ausencia, dende o Concello volvemos a apostar decididamente por esta mostra, dentro do meu compromiso como alcalde de recuperar todo o calendario de actividades deste ano. E especialmente apostamos por unha mostra de artesanía que este equipo de Goberno recuperou, como recordarán, no nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011’ recorda José Tomé. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos.

Nesta mostra, que terá lugar do 5 ó 9 de agosto, participarán de 23 profesionais da artesanía, provintes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España, que, coma en anos anteriores, ubicaranse na rúa Cardenal, en postos de exposición e venda individuais e agrupados en 6 haimas de 25m2 cada unha, con espazo para 4 artesáns por carpa. A maiores colocarase un espazo destinado á realización de obradoiros e demostracións de oficios.

Todos os postos contarán con tarima, iluminación e rotulación promocional de cada un deles, quedando pechado cada posto ás 22:00 horas, e con vixilancia nocturna para garantir a seguridade das pezas expostas. O horario durante os 5 días que durará a Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas e pola tarde de 18 a 22 horas.

O Concello destinou un orzamento de arredor de 12.000 euros para a organización desta 22ª edición de Artelemos.

Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

‘Con esta mostra’, sinala o alcalde, ‘contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto’.

O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: coiro, cestería, barro, olería, pintura, complementos, xoiaría, xoguetería, cerámica … En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.

Na mostra que será inaugurada o venres 5 de agosto ás 11:30 h da mañá  e coa actuación do grupo municipal de gaitas do Concello, ademais dos 23 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.

Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente.

O alcalde anima a ‘tódolos monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 22 edición de Artelemos no Cardenal, e que se aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade. Porque apostar polos artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura’.

PROGRAMACIÓN

Venres 5 de agosto

10.00 horas- Apertura de stands de venda.

11.30 horas- Inauguración oficial da 22ª Mostra Artelemos. Actuación grupo municipal de gaitas.

12.00 a 14.00 horas- Demostración olería de Gundivós. Coa participación do artesán Elías González.

18.00 horas- Apertura de stands de venda.

19.00 a 21.00 horas- Obradoiro de cestería para nenos.  Coa participación da artesá Luisa Martínez.

20.30 a 22.00 horas- Demostración olería de Gundivós. Coa participación do artesán Elías González.

Sábado 6 de agosto

10.00 horas- Apertura de stands de venda.

12.00 a 14.00 horas- Obradoiro de barro para nenos.  Coa participación da artesá Amparo Scrich.

18.00 horas- Apertura de stands de venda.

19.00 a 21:00 horas-  Obradoiro de barro para nenos. Coa participación da artesá Amparo Scrich.

Domingo 7 de agosto

10.00 horas- Apertura de stands de venda.

12.00 a 14,00 horas- Demostración de estampación “cianotipia”. Coa participación da artesá Pilar Gonda.

18.00 horas- Apertura de stands de venda.

19.00 a 21.00 horas- Obradoiro de cianotipia para nenos. Coa participación da artesá Pilar Gonda.

Luns 8 de agosto

10.00 horas- Apertura de stands de venda.

12.00 a 14.00 horas- Demostración obradoiro de encaixe de palillos. Coa participación da artesá Sesé Vila.

18.00 horas- Apertura de stands de venda

19.00 a 21.00 horas- Demostración Obradoiro de Encaixe de palillos. Coa participación da artesá Sesé Vila.

Martes 9 de agosto

10.00 horas- Apertura de stands de venda.

12.00 a 14.00 horas- Demostración olería tradicional da Ribeira Sacra. Coa participación do artesán Tomás López.

18.00 horas- Apertura de stands de venda.

19.00 a 21.00 horas- Demostración olería tradicional da Ribeira Sacra. Coa participación do artesán Tomás López.

19.00 a 21.00 horas- Obradoiro de olería para nenos.  Coa participación da artesá Otilia Arias.