Skip to main content
Quiroga

Os socialistas de Quiroga denuncian deficiencias no colexio público do municipio

Por 16 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

A falta de mantemento por parte do Concello convértese no obxectivo de tódalas críticas para o PSdeG, quen critica o estado actual do colexio público.

O voceiro socialista de Quiroga, Vicente Parra, denuncia que ‘Representantes da Asociación de Pais e Nais e de toda a comunidade educativa trasladáronnos as queixas sobre o estado, o acondicionamento e o mantemento do noso colexio público’.

Advirten de que o Goberno local do Partido Popular ‘non fai ningún dos arranxos precisos (persianas estragadas, vidros rotos, luces fundidas, entre outros) para o bo funcionamento do centro educativo, onde os nenos e nenas reciben educación, poñendo en risco incluso a súa integridade física’.

Os socialistas din que o alcalde e o seu equipo de goberno ‘están ignorando tódolos requirimentos enviados pola directora deste centro, para que o Concello cumpra coas súas obrigas de mantemento destas instalacións’.

Dende o PSdeG lembran ademais que a directora do CEIP formou parte da corporación municipal de Quiroga, exercendo como tenente de Alcalde ata finais de 2020, data na que presentou a súa dimisión. ‘Por iso, esperamos que esta actitude por parte do Alcalde do PP non sexa unha vendetta de ataques persoais cara unha traballadora pública’, asegura o voceiro socialista.

A Consellería ten que actuar

‘Solicitamos á Consellería de Educación, ao delegado da Xunta e á Xefatura Territorial de Educación que poñan cordura neste tema tan sensible e conviden ao Alcalde a exercer as súas funcións, deixando a un lado os seus totalitarismos para que impere o sentido común, polo ben de todos’, afirma Vicente Parra.

O voceiro do PSdeG lembra tamén que, ante o rogo que presentou no último Pleno no que instaba ao Goberno local a cumprir coa Lei nas súas obrigas sobre o mantemento do CEIP, o alcalde  respondeu: ‘son vostedes moi cansinos’. Esta é a seriedade do alcalde de Quiroga, rirse das queixas e das peticións das nais e pais do noso municipio’.

O socialista lembra que o rexedor tamén exerce como representante dos consellos escolares de tódolos concellos de menos de 5.000 habitantes de Galicia, polo que está dando “un exemplo nefasto e unha mostra de hipocrisía porque nin sequera cumpre coas súas propias obrigas no concello”, insisten.

Vicente Parra critica tamén as respostas que o alcalde deu á cidadanía sobre esta anómala situación. Diante das reiteradas queixas da dirección, do consello escolar e da ANPA do colexio, a resposta rexedor foi cambiando ao longo do tempo, ‘xa que incluso tentou cambiar a titularidade do centro, algo que lle foi denegado pola conselleira. Despois alegou que non tiña orzamento, e por último, a máis insultante, que non tiña acceso ás chaves do centro. Todo un cúmulo de despropósitos e desatinos. E sen esquecer que os máis prexudicados son os nenos e nenas do CEIP de Quiroga’, replican.

‘Esperamos que o novo curso escolar poida desenvolverse con total normalidade, xa que as alumnas e alumnos do noso colexio non teñen por que padecer a incompetencia do alcalde e do seu Goberno. Queremos un centro educativo digno e operativo, no que poidan impartirse os novos cursos con tódalas garantías educativas e medidas de seguridade. O alcalde debe cambiar a súa actitude e poñerse a traballar polo futuro do noso Concello’, din.