Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reúnese coas traballadoras do SAF

Por 8 Xullo, 2022Sin comentarios

Modesto Renda defenderá no Pleno a mellora das condicións laborais no servizo, o cumprimento do convenio colectivo co incremento salarial do 6,5% e o reforzo da coordinación concello/empresa co fin de dignificar o papel as traballadoras.

Vilalba Aberta reclamará no vindeiro Pleno a mellora das condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar. Así o anunciou o seu voceiro, Modesto Renda, á saída dunha reunión programada pola formación co fin de “escoitar e coñecer de primeira man” o marco de reivindicacións das traballadoras.

“As traballadoras do SAF levan loitando moitos anos pola súa profesionalización”, lembrou un Modesto Renda que chamou a “facer efectivos os convenios do sector, co fin de avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras dun servizo esencial para a veciñanza de vila e parroquias”.

Unha opinión compartida pola membro da Coordinadora de VA, Tamara Rodríguez, que instou á Concelleira de Políticas Sociais, Marta Rouco, a asumir as súas responsabilidades, coa “mellora da coordinación concello/empresa” e o “fin da ineficiente política do servizo á carta”, como puntos de partida.

Así, defendeu preponderancia dos “plans individuais de actuación”, como único xeito de compatibilizar a prestación dun servizo “digno para os usuarios” cunha “calidade de vida digna para as traballadoras.”

E é por isto que a proposta de Vilalba Aberta interpela tanto ao goberno local como á Xunta. Ao primeiro ínstao a traballar xunto coas organizacións sindicais e a empresa, a fin do cumprimento do convenio colectivo do sector da atención a domicilio, co incremento salarial do 6,5% coma obxectivo e á segunda, a asumir a súa competencia neste servizo, mediante o incremento da aportación por prezo/hora, así como a fin da creación dun sistema público de coidados que garanta o dereito dunha vellez digna para toda a poboación.