Skip to main content
Ribadeo

A praia do Cargadoiro seguirá pechada despois de tres anos e a insistencia dos veciños

Por 27 Agosto, 2022Agosto 28th, 2022Sin comentarios

Os accesos á praia do Cargadoiro seguirán pechados malia a insistencia dos veciños tralo seu derrubamento fai tres anos.

Esta pequena cala situada entre o porto de Ribadeo e o faro de Illa Pancha permite aos máis maiores acudir a pé tanto no verán coma no inverno. “Esta é unha praia que levamos usando todos os veciños durante moitísimos anos porque é moi céntrica, e ademais é a que usamos a veciñanza de maior idade e que non ten vehículos para ir a outras máis afastadas”, di unha veciña moi enfadada.

Esa baixada resultou danada polos temporais do inverno do 2020 ao igual que aconteceu en Rochas Brancas, aínda que neste caso o arranxo xa foi executado.

O mar, a choiva e o vento fixeron estragos nos accesos a os dous areais ribadense, o de Rocas Brancas, nas inmediacións de Illa Pancha, e o do Cargadeiro. No primeiro caso a baixada foi literalmente rota en dúas partes, mentres que no segundo, parte das escaleiras quedaron no aire por un desprendemento.

“Pasan os anos e así seguimos, e seguro que como para o ano hai eleccións, poñeranse mans á obra”, engade un veciño.

No tocante ao Cargadoiro tanto os técnicos de Costas como os técnicos municipais concordaban na dificultade de levar a cabo unha actuación que presentara a seguridade necesaria para os usuarios desta infraestrutura, o que obrigou a contratar a unha empresa especializada en xeoloxía para que analizase o terreo, como estaba, como estaban as escaleiras e as posibles solucións.

Tras un primeiro informe da empresa, no verán do 2021, concluíuse que “o terreo estaba inestable e que a día de hoxe non era segura esta baixada tal como está”. Polo que dende entón están a traballar nas medidas que eles propoñían para reforzar o terreo para abrila, “habería que reforzar a escaleira na baixada, non enteira senón en certas partes”.

Moitos son os veciños que protestaron polo seu peche e que ven que despois de case tres anos a praia segue igual, polo que algún veciño achegouse ata o Concello a preguntar pola problemática e o que lles contestaron foi “que era cousa de Costas”. Polo que colleron o teléfono e chamaron persoalmente a esta Administración para informarse, ao que lles responderon que “a competencia en conservación e mantemento lle corresponde á administración local segundo un Decreto”. Incluso comentoulles que despois de ver in situ o problema, explicaron algunhas directrices para arranxala. “Os veciños estamos fartos de tantas mentiras por parte do Concello e esiximos unha explicación. E o que pasa é que a xente que está gobernando en Ribadeo non quere amañala”, di un veciño.

“Pasou un ano, pasa outro, e así seguimos, pero seguro que como para o ano hai eleccións municipais pois poñeranse mans á obra”, engade un veciño, “gobernar é moi bonito para uns, pero hai que facelo para todos”.

Por outra banda, tamén se queixan do estado de mantemento da vila en xeral. Poñen como exemplo o parque de Ribadeo “que sempre estivo cheo de bancos para sentarse, e agora quedan catro e por riba cheos de excrementos das pombas, baldosas levantadas, etc.”, explica un veciño,” E como isto así está toda a vila, todo abandonado”.

Outros engadiron que nas súa rúa teñen que ser eles que a barran e limpen pois “o Concello non fai nada. Nos mesmos barremos e botamos lixivia para sacar a verdina e limpar as beiravía, e isto non é xusto”.

“Que máis da que se faga unha rúa ou unha obra moi ben feita e que saian nas fotos sorrindo, se despois abandonan todo?”, remata dicindo unha veciña, “que mire por todos os veciños. Non ten quen mirar quen lle bota ou que non”.