Skip to main content
Axenda CaducadaPalas de Rei

O Festival Son d’Aldea celebrarase os días 2 e 3 de setembro

Por 25 Agosto, 2022Setembro 3rd, 2022Sin comentarios

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación da undécima edición de Son d’Aldea, que recrea como era a vida do rural nos anos 40 e 50. Este festival, que terá lugar o 2 e 3 de setembro na parroquia de Santiago de Albá, conta coa colaboración da Deputación de Lugo para a difusión das súas actividades a través do Servizo de Audiovisuais.

No acto participou o presidente da Asociación Son D’Aldea, Luis Arqueixal; o coordinador das xornadas, Santiago Prado; e o Tenente de Alcalde da localidade, Amando Sande, ademais doutros membros da organización.

“Este encontro permite vivir unha experiencia única, lembrando como era antes a vida nas nosas aldeas, cando o rural era o motor da nosa economía e da nosa tradición; e reivindicar así todo o potencial que temos”, salientou a Deputada, quen puxo en valor neste sentido o traballo que desenvolve a propia Deputación en colaboración cos concellos da provincia para impulsar o rural dotando de máis e mellores servizos á veciñanza e dinamizando a economía e o emprego en sectores estratéxicos, como o primario e o turismo.

García Porto explicou que “dende a Deputación quixemos estar a carón desta cita e darlle visibilidade. Por iso, a través do Servizo de Audiovisuais provincial, apostamos pola difusión do evento achegándoo a máis xente e permitindo unha maior visibilidade para unha cita incomparable”.

Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias. Para a reserva de prazas e maior información pódese solicitar mediante Whatsapp no número de teléfono 613.330.607.

O venres 2 de setembro haberá ás 17.00 un parladoiro Música e Desenvolvemento Rural coa participación de Isidoro Rodríguez Pérez e Bruno Villamor Gay. Ás 19.30 terá lugar a presentación dos libros O gaiteiro de Santo, de Burno Villamor Gay e A gaita na Terra de Melide de Suso Ascariz e media hora máis tarde ás 20.00 a presentación dos libros Son D’Aldea 2015 e Son D’Aldea 2021. Ás 20.30 dará comezo unha actuación musical a cargo do grupo Iseo A Moura para rematar o día ás 21.30 coa cea na aldea.

O sábado comezarán as actividades ás 10.00 con un roteiro teatral e o xantar terá lugar ás 15.00. Xa pola tarde a partir das 17.00 haberá xogos populares e a actuación do grupo Zoelas ás 19.00 seguido do concerto de Lirabuxo ás 20.00.