Skip to main content
O Incio

O Incio estuda as claves para mellorar a produción dos seus castiñeiros

Por 25 Agosto, 2022Sin comentarios

Un total de 35 persoas participaron no curso organizado polo colectivo As Cavarcas e financiado pola Deputación de Lugo, cuxo obxectivo é estudar os soutos do Incio.

A través deste curso, os integrantes recibiron formación sobre  coidados xerais dos castiñeiros para a prevención de enfermidades e sobre a mellora produtiva que pode supoñer o seu inxerto.

Ademais da exposición teórica sobre os distintos tipos de inxerto, o alumnado puido poñer en práctica esta técnica co asesoramento de expertos en castanicultura.

A deputada de Medio Rural Mónica Freire destaca “a boa acollida e a utilidade desta acción formativa nun concello con moitos soutos tradicionais e con condicións naturais para a plantación destas árbores autóctonas” e encara o apoio a esta iniciativa “no compromiso cos colectivos que traballan por un rural vivo, promovendo o aproveitamento dos seus recursos”.

O curso, terá unha segunda parte o vindeiro 24 de setembro cunha xornada sobre coidados xerais e poda de froiteiras.

PLAN ESTRATÉXICO

O propio concello do Incio está a executar tamén o Plan estratéxico do castiñeiro tal e como declaraba o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, co que se plantarán ata o ano 2025 un total de 3.500 hectáreas desta especie para froito, 2.000 máis para a produción de madeira e se restaurarán 2.000 hectáreas de soutos.

Sobre o Plan do castiñeiro, o titular de Medio Rural explica que “se contempla unha inversión pública e privada de case 22 millóns de euros ata 2025, co obxectivo global de recuperar unhas 8.000 hectáreas de soutos e plantar outras 16.000 hectáreas máis para a produción de madeira e froito”.