Skip to main content
Cultura SARRIAXALáncara

Entrevista: “Gustaríanos resaltar o potencial da socioloxía como ferramenta para entender mellor a realidade que nos rodea”

Por 27 Agosto, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Ana Mº Pernas, Carlota Vivero, Álex Rivas e Raúl Rey, membros da cooperativa social Atoupa cuxo proxecto resultou gañador na II edición do programa Olympe Emprende.

Quen forma o equipo da cooperativa Atoupa? 

Atoupa conformámola catro sociólogas e sociólogos con formación en políticas sociais e intervención sociocomunitaria, somos Ana Mº Pernas, Carlota Vivero, Álex Rivas e Raúl Rey.

Os catro contamos cunha formación similar polo que a nosa intención é que todos participemos nos proxectos que desenvolvamos dende a cooperativa, tendo presente, eso sí, as nosas áreas de especialización e os nosos lugares de residencia: Vilalba, Láncara, Lugo e A Coruña.

Ana María, ademais de desempeñar as súas funcións como presidenta de Atoupa, ten experiencia como técnica de igualdade e está especializada en migracións internacionais, polo que será a encargada de coordinar proxectos relacionados con esta temática.

Por outra banda, Carlota, Álex e Raúl están especializados en envellecemento e transformacións familiares, polo que traballarán máis esas áreas, aínda que tamén terán que desempeñar funcións internas; Carlota coordinará as accións comerciais e a planificación estratéxica xunto con Raúl, e Álex encargarase das tarefas de xestión.

A cooperativa Atoupa céntrase en proxectos liderados por mulleres. Porque decidiron escoller esta temática?

O programa Olympe Emprende aposta por proporcionar formación cara á incorporación da perspectiva de xénero na empresa. Dende o noso punto de vista o xénero é unha cuestión que debemos ter en conta de forma transversal na nosa actividade cooperativa, polo que é unha visión atractiva para nós. Tamén é moi interesante coñecer a outras mulleres que queren emprender e compartir con elas ideas e reflexións, aínda que tamén medos e inseguridades.

Como e cando xurdiu a idea do proxecto?

En realidade, a nosa idea de emprender xurdiu entre os corredores da facultade de Socioloxía da UDC mentres realizábamos o grao. Máis foi ao rematar o mestrado, e ao afrontarnos á realidade laboral, cando baixamos á terra esa idea e decidimos encamiñarnos dentro do mundo do emprendemento, co desexo de labrarnos un futuro

Imaxe da cooperativa galega Abeluria con autoría de A Mueblería

laboral en Galicia, pero tamén de colaborar -ca socioloxía como ferramenta- no afrontamento dos retos sociais que se lle presentan á nosa comunidade como o do envellecemento poboacional, o vaciamento do rural ou a falta de oportunidades laborais para a mocidade.

Como e porque decidiron presentar o seu proxecto no programa Olympe Emprende?

A nosa andaina comezou o pasado verán da man da Rede Eusumo e da cooperativa Abeluria a través dun obradoiro de emprendemento e mentoring para desenvolver proxectos na economía social. Nese momento coñecimos a Ana Olveira de Abeluria, a nosa mentora, quen nos falou deste programa que estaban a desenvolver e nos animou a participar nel pola posibilidade que nos daba de continuar traballando con acompañamento profesional no noso proxecto.

Olympe Emprende permitiunos traballar competencias indispensables para poñer en marcha un proxecto de emprendemento, dende cuestións relacionadas ca comunicación ata a planificación económica.

Imaxes da cooperativa galega Abeluria con autoría de A Mueblería

En que se vai centrar a súa actividade a partir de agora?

A actividade de Atoupa terá por obxectivo principal xerar coñecemento sociolóxico que contribúa ao deseño e implementación de políticas transformadoras implicando ao conxunto da sociedade. Farémolo a través da elaboración de proxectos de investigación social, o deseño e avaliación de políticas sociais e o desenvolvemento de accións para a formación e a divulgación do coñecemento.

Máis en concreto, queremos centrarnos en seis liñas de acción de gran importancia para a realidade galega: o envellecemento poboacional e os dereitos sociais das persoas maiores, os fluxos migratorios e a promoción da interculturalidade, a busca da igualdade real e efectiva entre xéneros, o traballo de coidados e a súa posta en valor, a precariedade laboral e a dinamización do territorio.

Como teñen pensado entrar en contacto cos seus futuros clientes?

Agora mesmo estamos nese paso. Neste momento o que estamos a facer é poñernos en contacto con posibles clientes -concellos, universidades, asociacións, empresas…- vía correo electrónico

ou de forma telefónica para poder concertar citas presenciais e dar a coñecer os nosos servizos. Tamén estamos a participar en diversos espazos de networking que está organizando a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU).

Hai alguén do equipo que xa conte con experiencia en proxectos similares?

Por unha banda, Álex traballou nunha consultora social da Coruña. Por outra, Ana participou en estudos sobre a migración feminina en España e traballou en investigacións participativas sobre o xénero e as migracións. Con todo, todos temos experiencia nalgún dos servizos que imos a desenvolver; por exemplo, Carlota e Raúl realizaron investigacións para a Deputación da Coruña e o Colexio de Enfermería de Lugo.

Cal pensades que é o aspecto máis innovador do proxecto que ides ofrecer ao público? Porque deben elixirvos a vos fronte á competencia?

Cremos que Atoupa diferénciase doutras consultoras sociais debido a súa proximidade ao territorio lucense. Isto permítenos coñecer de primeira man a realidade social dos nosos clientes e usuarios. Outro aspecto salientable son as nosas áreas de acción, das cales destacan o envellecemento poboacional e as migracións.

Dende o noso punto de vista, ambos son retos de gran importancia que están a mudar as necesidades da sociedade galega e aos que temos que dar respostas. Tamén, resaltaríamos o paradigma teórico que nos guía, a teoría da interseccionalidade.

Esta teoría está focalizada en indagar nas interseccións entre as diversas formas de discriminación social -por xénero, etnia, idade, etc.- que poden sufrir as persoas e que producen formas de discriminación específicas. Por exemplo, unha muller migrante que busca emprego non se atopa na mesma situación que unha non migrante ou que unha muller ou un home maiores de 50 anos, as formas de discriminación son distintas.

Esta é unha perspectiva relativamente novidosa, especialmente no ámbito das políticas públicas, onde está a ser paulatinamente incorporado, se ben aínda de forma incipiente, pero que permite comprender con profundidade as problemáticas sociais.

Teño entendido que a cooperativa se constituirá en outono, fáltanvos moitos detalles por ultimar?

A verdade é que non moitos. Agora estamos centrados en traballar na nosa páxina web e preparando toda a documentación para a súa constitución.

Non sei se hai algún aspecto máis que queirades salientar do proxecto ou do público ao que vai destinado

Gustaríanos concluír resaltando o potencial da socioloxía como ferramenta valiosa para producir un coñecemento crítico co que entender mellor a realidade que nos rodea. As ciencias sociais non deben esquecer a integración da ética na súa práctica. Por iso, cremos que a socioloxía debe poñerse ao servizo do ben común, aportando enfoques e coñecementos que contribúan a tomar decisións políticas emancipadoras e a construír comunidades máis unidas. Co proxecto de Atoupa pretendemos, en definitiva, aportar o noso graíño de area a esta tarefa.