Skip to main content
Xermade

“Tratamos de impulsar a agroecoloxía como xeito de produción de alimentos e de vida na natureza”

Por 21 Agosto, 2022Agosto 22nd, 2022Sin comentarios

Entrevista a Marcos Besada, presidente a asociación Espazo Agroecolóxico Estruga de Xermade.

Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos? 

No ano 2017, tres compañeiros procurábamos un espazo común no rural para desenvolver os nosos traballos ligados ao sector primario, tecer redes… e ao mesmo tempo levar un xeito de vida en comunidade coa xestión dunha casa no rural, concretamente en Cabreiros (Xermade). A partir de aí, no ano 2019, creamos a nosa asociación para tratar de impulsar a agroecoloxía como xeito de produción de alimentos e de vida en torno á natureza. Nestes anos, pandemia mediante, organizamos e colaboramos en moitos cursos e xornadas relacionadas coa agricultura ecolóxica e xestión forestal sostible, colaboramos en proxectos de economía social, con proxectos de investigación, facilitando xestións a pequenos agricultores e organizando un grupo de consumo responsable… A actividade foi frenética!!

De onde xurde o nome? 

O nome xurde da tenda de alimentos ecolóxicos que tiña eu en Viveiro entre os anos 2012-2015 e que xa comezaba a realizar accións de dinamización en torno á agroecoloxía baixo ese nome, A Estruga. Por iso decidimos rexistrala con ese nome.

Con que obxectivo se fundou?

A Asociación Espazo Agroecolóxico A Estruga créase coa idea de aportar solucións técnicas, sustentables e creativas para un óptimo e perdurable aproveitamento a tódolos niveis do noso Medio Rural. Facémolo dende un punto de vista agroecolóxico onde importan, é moito, a natureza, os animais e as persoas.

Canta xente pertence á asociación?

Agora mesmo somos 6 membros na directiva, contamos con máis de 12 produtores cós que colaboramos e chegamos a ser ata case 50 no momento do grupo de consumo responsable.

Que actividades realizan durante o ano?

Pois as actividades poden ir dende a axuda á promoción e comercialización dos produtos hortofrutícolas dunha labrega, ata organizar cursos de cociña ou xornadas de degustación… Temos a nosa disposición as ferramentas e o persoal humano cualificado e preciso para propoñer e desenvolver ideas axeitadas a cada proxecto que nos propoñan.

Notaron un crecemento na afiliación da asociación?

Si, no momento da pandemia, cando a través do grupo de consumo responsable configurábamos cestas cos alimentos dos produtores da comarca e levábamolo ás casas por Vilalba, As Pontes e Viveiro. Para poder recibir os alimentos, pedíamos á xente que se afiliara. Foi un éxito, pero cara ao final da pandemia, xa era moito máis complicado facer o reparto…

De cara ao futuro que proxectos teñen?

Agora mesmo e para o que queda de ano, estamos colaborando nun proxecto de economía social coa ONG Ecos do Sur en base á apertura de oportunidades de vida e emprego no medio rural e tratar de revertir o problema do despoboamento, tamén colaboramos co Concello de Ortigueira na organización do curso de Agricultura Ecolóxica que se está levando a cabo e rematará en outubro. De cara ao futuro, pero agardando comezar pronto, o proxecto de dinamización do mercado de Vilalba no cal estamos colaborando có Concello.

Que supuxo e supón a covid para a asociación?

Como comentei anteriormente, creamos o grupo de consumo responsable para axudar aos pequenos labregos que producían de xeito agroecolóxico a canalizar as súas producións directamente aos fogores xa que non tiñan moita máis saída para eles ao pechar a hostelería, comedores de escolas e empresas, etc… Por outra banda, supuxo un freo moi grande a outros proxectos colectivos que tíñamos, sobre todo coa administración, e foi un varapalo para nós xa que aseguraba traballo para o futuro que mudou con respecto aos nosos plans, coma á maioría das personas neses momentos.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

Non, somos unha asociación pequena, case familiar, os gastos das accións que levamos a cabo buscámoslle financiación en función de cada proxecto, pero non para o gasto corrente que sae do peto da xunta directiva ou de poñer unha leve marxe nos orzamentos dos proxectos nos que colaboramos.

En Vilalba queremos acadar un punto de venta directa para as produtoras da nosa comarca e arredores, que sexa referente de produtos alimentarios de calidade e có mínimo impacto ambiental na contorna.

Durante a pandemia creamos o grupo de consumo responsable para axudar aos pequenos labregos que producían de xeito agroecolóxico a canalizar as súas producións directamente aos fogores.

Que necesidades se lles plantexan?

Tratar de solucionar os problemas de produción, loxística e distribución co cal poder crear un fluxo máis constante de alimentos agroecolóxicos e poder así axudar de xeito seguro aos produtores e por ende mellorar a economía local. Procuramos tamén maior implicación, eu o primeiro, xa que ás veces vese empañada a labor da asociación polos “quefaceres” diarios e o cansanzo.

En que consiste o proxecto que presentaron para o mercado de Vilalba?

Coa posta en funcionamento dun posto da praza de abastos no mercado municipal de Vilalba os días de mercado (martes e venres) queremos acadar un punto de venta directa para as produtoras da nosa comarca e arredores, que sexa referente de produtos alimentarios de calidade e co mínimo impacto ambiental na contorna. Ademais queremos dispoñer dun punto de intercambio dos produtos para facilitar a distribución conxunta a establecementos doutras vilas da contorna.  Que sexa un lugar de encontro non só para as produtoras, senón tamén para as personas coa teima de restablecer o contacto social en torno aos mercados locais ou lograr o respaldo da comunidade para vertebrar a economía comarcal en torno á produción primaria, dando lugar a subprodutos e outros servizos. Finalmente buscamos acadar un convenio coa administración local para o suministro de alimentos nos espazos colectivos que estean baixo a súa xestión, así como a elaboración de accións paralelas que enriquezan a comarca en eidos como a educación, cultura e turismo sostible. Outro dos obxectivos é dinamizar o espazo ofrecendo actividades gastronómicas e lúdicas como degustacións de produtos de tempada, obradoiros para nenos e adultos e actuacións musicais ou representacións culturais que visibilicen e fagan mais atractivo este espazo do mercado.

Teñen outros proxectos similares previstos?

Non, non damos para máis!! Agardamos que a partir do mercado de Vilalba, poidamos creaer unha rede loxística sustentable entre as labregas da contorna, coa cal poder establecer unha distribución segura e constante e poder así chegar á maioría de fogares e establecementos da comarca.