Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAViveiro

O Concello de Viveiro subvenciona con 6.000 euros a Asociación Saúde Mental A Mariña

Por 22 Setembro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinou o convenio de subvención nominativa entre o Concello e a Asociación Saúde Mental A Mariña, xunto ao seu presidente, Jorge Machado, e a directora técnica xeral, María José Novoa Rodríguez. 

Grazas a este acordo, o goberno local subvenciona con 6.000 euros a actividade desta asociación. Na sinatura do acordo tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde.

A alcaldesa aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo desta asociación, “sensibilizando sobre a saúde mental e brindando apoio aos doentes da nosa comarca, así como ás súas familias”.

Neste sentido, a rexedora recordou que a asociación abriu recentemente un centro para a rehabilitación psicosocial e laboral en Viveiro. “Un esforzo que se suma ós labores de visibilización, como a edición do libro A Super_Acción de Mauricio, dirixido á infancia”, engadiu Loureiro.

“A sinatura deste convenio permítenos seguir reforzando a nosa colaboración con esta entidade. Como goberno local temos un compromiso claro con estas iniciativas, polo impacto positivo que reportan na cidadanía”, finaliza a rexedora.

O apoio do Concello de Viveiro ao tecido asociativo esténdese a máis entidades, deste modo, recentemente o goberno local asinou un convenio de subvención coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer.