Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Trátase dun evento que pretende difundir a escena creativa máis descoñecida de Lugo e de toda Galicia, a través da cultura do fanzine e a autoedición”

Por 22 Setembro, 2022Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O Vaia Vaia é un encontro de fanzines e autoedición que se celebra en Lugo os próximos 24 e 25 de setembro. Para esta terceira edición falamos con Natalia Pia e Helena Rodriguez as súas organizadoras.

Que é o Vaia Vaia?

Trátase dun evento que pretende difundir a escena creativa máis descoñecida de Lugo e de toda Galiza, a través da cultura do fanzine e a autoedición.

O obxectivo deste encontro non é outro que acoller durante un par de días unha feira de autoedición e constituírse como unha reunión pública e aberta a todo aquel que estea interesado nas publicacións independentes e autoxestionadas. Abrimos as portas a proxectos e persoas que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características.

Cando e como nace este festival?

O festival nace en 2020 entre un grupo de amigos interesados pola autoedición que regresaron a Lugo despois de pasar tempo fora, estudando ou traballando, e volveron con ganas de facer cousas nesta cidade, cansos de sentirse obrigados a buscar as oportunidades nas grandes cidades.

Que é iso dos fanzines e a autoedición?

Esta é unha pregunta un pouco complicada de responder porque a idea de fanzine é algo que foi cambiando co tempo e ampliando as súas posibilidades. Na súa expresión máis esencial un fanzine é una publicación autoeditada, fotocopiada doblada e grapada.

Pero pensamos que actualmente un fanzine pode ser calquer tipo de publicación ou incluso “cousa” que ti decidas que é un fanzine; dende o máis sinxelo ata o máis complicado.

Que podemos encontrar nesta edición do festival?

O mercado de fanzines será o punto de encontro principal ao redor do que se organizan diversas actividades como obradoiros, mostras, charlas, mesas redondas, proxeccións, concertos…

Que acollida tiveron as pasadas edicións?

Estamos moi contentas coa acollida que tiveron as dúas primeiras edicións da feira. A primera foi moi especial porque foi no 2020 e a pesar de que aínda había moitas restriccións pola pandemia, foi fermoso poder levar a cabo a actividade e reunirse con vellos e novos amigos e partillar espazos, conversas e intereses despois de tanto tempo de estar distanciados. Fainos felices coñecer persoas novas cada ano que se implican no proxecto e comparten a nosa ilusión e esperamos que siga sendo así por moito tempo.

Que novidades presenta esta nova edición?

A principal novidade de esta edición é o cambio de localización. Danos un pouco de mágoa este cambio porque nas pasadas edicións o evento tivo lugar no Vello Cárcere e é un auténtico pracer traballar co seu equipo que é xenial e nos tratan moi ben; pero este ano apostamos por integrar nun mesmo espazo todas as actividades para que todo o mundo as poida disfrutar, incluidas as persoas que venden no mercado. É por iso que este ano farémolo no soto da praza de abastos de Lugo.

A nivel artístico que supón a autoedición?

Creo que máis que a nivel artístico a relevancia da autoedición ten máis que ver con una visión do mundo e un posicionamiento ante él. O fanzine está ligado a cultura do “faino ti mesma”; isto non é máis que un convite a producir o que queiramos por nós mesmos, escapando do discurso que nos convida a consumir constantemente e permítenos achegar a información que queiramos e compartila libremente. Calquera persoa é potencialmente unha fanzineira porque todos temos cousas que contar. Facer fanzines é percatarse do potencial político que teñen.

Que aportan este tipo de encontros para os novos creadores?

Unha das cousas máis lindas de facer fanzines é poder compartilos coas demáis e as conversas que xorden ao seu arredor. Apréndese moito da xente que coñeces e do que fan, e tamén de compartir as túas publicacións. No caso dos fanzines é moi guai o feito de que recórtase a distancia entre o escritor e o lector e desdebúxanse os límites entre o productor e o consumidor. Estos pequenos espazos abogan por actuar a pequena escala e dende o persoal, sen pretender grandes impactos pero resistindo sutilmente dende as marxes.

Está tendo un novo rexurdir o mundo da autoedición?

Non estamos moi segura de ter esta resposta pero cada ano hai novas edicións de feiras xa coñecidas e tamén xorden outras novas en diferentes puntos do estado. É un mundo inconstante e irregular pola súa propia natureza non comercial e fóra dos circuítos habituais pero sen dúbida segue existindo xente con ganas de facer as cousas de outra maneira, coa necesidade de contar o que lles move, de atoparse coas demáis en persoa, e amantes empedernidas do papel antes que ca dunha pantalla.