Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte manifesta o seu descontento polas cámaras de vixilancia dalgunhas zonas peonís

Por 19 Setembro, 2022Sin comentarios

Membros do Partido Popular do concello de Monforte veñen de facerse eco da preocupación e das queixas de numerosos monfortinos pola posta en servizo de cámaras de vixilancia na zona peonil do centro urbano.

A instalación de cámaras para o control de acceso a zonas de Monforte con restrición de circulación rodada xera dúbidas e queixas cidadáns das que se fan eco os concelleiros do Partido Popular.

Os populares, “esperan que o concello dispoña de tódolos permisos necesarios para o uso deste sistema de vixilancia”, afirman membros do partido. No PP din que “tanto ou máis que no ámbito no que se instalaron, as cámaras son necesarias noutros puntos nos que con frecuencia se producen actos de vandalismo”.

A portavoz do PP, Katy Varela, considera que ·o alcalde, o socialista José Tomé, gasta cartos na videovixilancia do centro cando dende o noso punto de vista, este investimento sería máis produtivo en zonas menos transitadas como o paseo que vai a Piñeira, ou o paseo do Malecón, onde se producen actos de vandalismo que danan valos, papeleiras ou farois”. Os actos de vandalismo esixen, di Varela, “investimentos para reparar todo o deteriorado. Se estas zonas contaran con videovixilancia, evitaríase seguramente este gasto na reparación do esnaquizado”.

Os populares sinalan que “no ámbito no que se instalaron as cámaras no debería haber maior problema nin necesidade deste sistema se a Policía Local presta a este ámbito urbano a atención que merece”.

Os populares indican que estarán moi atentos á evolución deste asunto, para comprobar que non se trate dun intento de usar estes recursos tecnolóxicos con afán recadatorio.