Skip to main content
Monforte

Novos espectáculos teatrais encherán as rúas de Monforte no que queda de 2022

Por 24 Setembro, 2022Setembro 26th, 2022Sin comentarios

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte para o ano 2022, tras rematar o programa do Verán Cultural.

Deste xeito, no segundo semestre deste ano, os veciños e veciñas do municipio terán a oportunidade de asistir a seis representacións de compañías profesionais dirixidas tanto a público adulto como infantil e familiar, durante os meses de setembro a decembro.

Así, a participación do concello na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios permitirá que se acheguen a Monforte as seguintes compañías e obras:

Na programación para público adulto representaranse Formigas no peto, El caballero incierto, Morgana en Esmelle, Morte accidental dun anarquista e 1888: A señorita Xulia.

Formigas no peto, da compañía Ítaca Teatro interpretarase o xoves 29 de setembro ás 20.00 horas,  dentro do circuíto Teatro Profesional, da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Será na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, con entrada gratuíta e para público adulto.

El caballero incierto de Producciones Come y calla terá lugar o xoves 6 de outubro a partir das 20.15 horas, no Edificio Multiusos.

Morgana en Esmelle da compañía Sarabela Teatro, representarase o xoves 27 de outubro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos.

Morte accidental dun anarquista da compañía Talía Teatro, terá lugar o xoves 10 de novembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos.

E 1888: A señorita Xulia, da compañía Estudo Momento, representarase o xoves 24 de novembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos.

O prezo das catro obras do Edificio Multiusos será de cinco euros a entrada xeral e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Por outra banda, dentro da programación para público Infantil e familiar poderase atopar a obra: Alquimia, do Mago Teto.

Alquimia, do Mago Teto que terá lugar o domingo día 4 de decembro ás 18.00 horas no Edificio Multiusos, vai dirixida a un público infantil e familiar. A entrada xeral terá un prezo de 5 euros e de 3euros para estudantes, desempregados e xubilados.

O alcalde, José Tomé Roca, afirma que “tralo éxito do programa das Festas Patronais e do Verán Cultural, animo ós monfortinos e monfortinas a que acudan a desfrutar desta programación de teatro do concello de Monforte para o segundo semestre deste ano, que da continuidade ao noso calendario cultural de actividades”.