Skip to main content
Quiroga

Quiroga habilita a ruta das Fervenzas cun percorrido de máis de 20 quilómetros

Por 19 Setembro, 2022Sin comentarios

O concello de Quiroga pon en marcha a denominada ruta da Fervenzas, coa axuda para inversións non produtivas vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000, para os anos 2022 e 2023, da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A actuación que se pretende levar a cabo é a integración de cinco fervenzas na ruta de Quiroga a Vieiros (un percorrido de  aproximadamente uns 25 quilómetros), na que se poderán visitar as cinco: as fervenzas do Pombar e a Pedriña na Cruz de Outeiro, as fervenzas do Fócaro e das Gurbias na Seara e a fervenza de Vieiros.

Aínda que tradicionalmente todos estes puntos xa se visitaban, preténdese facilitar a súa visita mediante a divulgación, unificación da sinalización e mellora dos accesos. A iniciativa conta cun investimento total de 23.859,52 euros repartidos en dúas anualidades.

As actuacións previstas en cada unha das fervenzas son as seguintes:

Na fervenza do Pombar preténdese levar a cabo a sinalización dende a estrada, a limpeza dos accesos, o acondicionamento mediante escadas de madeira tratada de dous resaltes rochosos do terreo e o acondicionamento do sendeiro coa recolocación de bloques de rocha soltos no treito anterior á fervenza.

Na fervenza da Pedriña búscase mellorar a sinalización dende a estrada (Cruz de Outeiro-Vilarbacú), a limpeza do acceso e a limpeza do contorno da fervenza.

Na fervenza do Fócaro levarase a cabo a sinalización dende a estrada no lugar da Seara.

Na fervenza das Gurbias mellorarase a sinalización na aldea da Seara e realizarase a colocación de varanda de madeira tratada no miradoiro na aldea da Seara, dende onde se observa a fervenza.

E na fervenza de Vieiros realizarase a sinalización do aparcadoiro, a sinalización da ruta que permite a súa visita dende a estrada da Seara-Ferramulín, a colocación de panel con recomendacións para a visita no aparcadoiro, o reforzo da varanda de madeira tratada na ruta e a limpeza de todo o percorrido.

Unha vez acondicionados e sinalizados os percorridos, difundirase a ruta na web do concello e en varias plataformas de internet, para poder coñecer os detalles do acceso a cada un dos puntos, descargar a ruta para gps e mesmo seguir a ruta nun teléfono móbil.