Skip to main content
Quiroga

Iníciase a reparación da traída de auga de Quiroga queimada nos incendios forestais

Por 23 Setembro, 2022Setembro 25th, 2022Sin comentarios

Veñen de iniciarse as obras de reparación da acometida de auga que foi danada polos incendios forestais de xullo en Quiroga, grazas a un convenio asinado con Augas de Galicia. A tubaxe xeral viuse afectada polo lume nun importante tramo na zona de captación no río Ferreiriño en Leixazós e Campodola.

Ante a situación de risco extremo de quedar sen abastecemento municipal desta traída que fornece a varios depósitos cos que se da servizo a 1.289 usuarios das parroquias da Ermida e Hospital así como á totalidade do casco urbano de Quiroga, a Xunta de Goberno Municipal decretou a urxencia de realizar estas reparacións.

A totalidade da financiamento correrá a cargo de Augas de Galicia, grazas a un convenio asinado entre a Conselleira  de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel  Vázquez, e  o alcalde do concello de Quiroga, Julio Álvarez.

Segundo matiza o rexedor local, “as actuacións do restablecemento das infraestruturas de abastecemento danadas polos incendios forestais engloban o cambio da tubaxe queimada e tamén facer un sistema de derivación para cando sexa preciso e poder bombear desde a Vergaza. Este sistema de derivación permitiría coller a auga no último tramo do río Ferreiriño, evitando problemas como o que se tería en caso de choivas intensas co arrastre de cinsas na zona de captación, ou outros que poidan xurdir”, afirma Julio Álvarez.

O alcalde acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, achegouse ata a zona para comprobar o inicio destas obras que considera moi urxentes e necesarias.