Skip to main content
As PontesAxenda Caducada

As Pontes acolle unha exposición sobre a historia do cancro

Por 15 Setembro, 2022Setembro 30th, 2022Sin comentarios

As Pontes albergará na Casa Dopeso, desde o 19 ata o 30 de setembro a exposición 50 años cambiando la historia del cáncer, promovida pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro no concello e na que se mostran os fitos do avance en oncoloxía, tanto a nivel autonómico como nacional, nas últimas décadas.

A exposición 50 años cambiando la historia del cáncer contén exemplos dos grandes avances en investigación que nos últimos anos contribuíron, co impulso da Asociación Española Contra o Cancro, a abordar todas as fases da progresión da enfermidade; desde a prevención ata a procura de novos tratamentos máis específicos.

O desenvolvemento de novas estratexias de medicina personalizada para tratar os tumores de cabeza e pescozo ou o estudo da predición da resposta ás terapias en cancro colorrectal, son algúns dos exemplos, incluíndo os proxectos realizados na provincia por parte de investigadores como Ángel Carracedo e Kelly Conde, que se inclúen nesta mostra de carácter científico.

A mostra inaugurarase o luns, 19 de setembro, ás 19:00 horas no salón de actos da Casa Dopeso, e contará coa asistencia da presidenta da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro nas Pontes, Loli Prieto, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo e a investigadora Ana Oitabén, do grupo Xenomas Móbiles do Centro de Investigacións Biomédicas (CiMus) responsable da conferencia inaugural da exposición.

A supervivencia, reto da investigación en cancro

En 1971, nun momento no que a sociedade non estaba tan concienciada da importancia que tiña a ciencia no coñecemento das enfermidades, a Asociación Española Contra o Cancro creou a súa Fundación Científica, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e de aumentar a supervivencia desta enfermidade.

Nesta metade de século avanzouse en programas de detección precoz, o que facilitou realizar diagnósticos temperáns, conseguíronse mellores tratamentos, máis eficaces e cada vez menos invasivos, o que supuxo a mellora progresiva dos índices de supervivencia en cancro.

En 1953, a supervivencia a 5 anos de media para os distintos tipos de cancro era do 25%. Actualmente, a supervivencia a 5 anos aumentou ata o 55,3% en homes e o 61,7% en mulleres, grazas aos avances conseguidos por miles de investigadores e investigadoras. O cancro de mama, por exemplo, é un dos tumores máis investigados e que hoxe conta con métodos de detección precoz, conseguíndose que a supervivencia a 5 anos nesta enfermidade estea preto do 90%.

Con todo, aínda quedan moitos fitos que alcanzar, como reducir a inequidade que existe entre as persoas con cancro respecto a investigación, pois hoxe en día hai tumores con supervivencia baixa ou estancada, con máis de 100.000 diagnósticos.

Nese sentido, é necesario que todos os tumores sexan investigados, pois hai evidencia de que, en xeral, aqueles tipos de cancro con mellores datos de supervivencia tamén contan cunha maior investigación. Tamén falta equidade no acceso aos resultados de investigación e, desde a Asociación, pídese que, calquera paciente, estea onde estea, teña acceso ao mellor tratamento indicado para o seu tipo de cancro.

Para iso, os profesionais deben poder acceder aos últimos coñecementos e avances en investigación, participación en proxectos de investigación e ensaios clínicos. Nestes 50 anos, a Asociación Española Contra o Cancro investiu esforzos para dar resposta aos grandes retos do cancro, impulsando, no seu momento, o talento de mozos que hoxe son líderes internacionais.

Actualmente, a entidade conta con 525 proxectos, nos que traballan preto de 1000 investigadores, por un total de 92 millóns de euros. Soamente na provincia da Coruña, o pasado ano, entregáronse Axudas á Investigación por un millón de euros a 13 proxectos investigadores en cancro.