Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

Organizan en Vilalba un novo curso de análise sensorial de queixos

Por 19 Setembro, 2022Setembro 28th, 2022Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa, en Vilalba, unha acción de formación profesional de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos distinguidos con denominación de orixe protexida (DOP). O obradoiro impartirase os días 26 e 28 de setembro cun horario desde as 16:00 ata as 21:00 horas.

O programa deste curso aborda unha serie de nocións teóricas e prácticas sobre os queixos galegos, así como as súas distincións de calidade diferenciada. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende achegar neste caso coñecementos aos alumnos sobre os produtos incluídos nas denominacións e sobre a súa evolución e situación actual. Así mesmo, os asistentes protagonizarán unha cata de queixos para poñer en práctica os coñecementos adquiridos de identificación e avaliación.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 954, ou enviarse un correo a maria.carmen.rego.martinez@xunta.es.