Skip to main content
BurelaCultura AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Sergio López, OPP Burela: “A prohibición afecta a zonas onde se pesca dende hai 40 anos sen ningún tipo de problema”

Por 14 Outubro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Falamos co xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López, sobre o veto da pesca por parte de Bruxelas. Unha medida que repercute directamente na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e de xeito indirecto en 900.

Por Ana Somoza López.

Tralo peche das 87 zonas de pesca entre o Golfo de Cádiz e a zona norte de Gran Sol, onde se considera que hai ecosistemas mariños vulnerables, previse que medio milleiro de barcos e uns 2.000 pescadores deberán deixar de realizar pesca de fondo en 16.419 quilómetros cadrados do Atlántico.

Segundo o xerente da Organización de Produtores Pesqueiro de Burela, Sergio López, “a afectación é moi grande pero non podemos cuantificala polo momento pois hai xente no mar e están intentado coordinarse para poder pescar, pois algúns deles que realizan a súa actividade o 75% do ano téñense que reubicar. Xa veremos cal é a realidade nas próximas semanas”.

López asegura que “o problema desta prohibición tan xeral é que afectou sobre todo a zonas onde se está pescando e onde se pesca dende hai 40 anos sen ningún tipo de problema porque é onde cría o peixe”.

No ano 2016 púxose en marcha un regulamento que pretendía limitar a pesca de arrastre de fondo “porque había unha gran presión medioambientalista que crían que había que reducir ao máximo o arrastre pois consideraban unha arte de pesca daniña para o fondo”, di López.

Este regulamento definía unha serie de especies e profundidades onde non estaban as artes de pesca selectivas nin as principais especies do sector burelés como son a merluza no caso dos pincheiros ou o rape e o gallo no caso dos arrastreiros. “Por iso daquelas existía certa tranquilidade porque a nós non nos afectaría”, engade López.

Pero en xuño do 2022 fíxose pública a proposta do regulamento no que afectaba a todas as zonas de pesca e todas as artes de pesca, “pois consideran que se o palangre aínda que sexa  con anzol se chama de fondo pois xa está en contacto con el”, di o xerente da OPP de Burela, “entonces nos alegamos unha serie de cuestións técnicas e de que non houbo case consultas, e estábanse barallando distintos escenarios para a aceptación. E de estas propostas escolleron o que máis zona protexía”, relata, “pero o problema é que se aplicou a todas as especies”.

Sergio López, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela

Pero cando estaban esperando a contestación a ese recurso o 15 de setembro aprobouse o regulamento “sen modificar nin unha coma da proposta de xuño”.

Pola súa parte presentarán un recurso o Tribunal Xeral da Unión Europea ao que se une o do Goberno do Estado como estado membro, pois “colocar nun espazo tan pequeno a todos os barcos é imposible. Ademais de que hai artes de pesca que non son compatibles con outras. Onde hai un palangreiro non pode haber un arrastreiro pois coa rede leva os aparellos”, di.

Desde a OPP consideran que se trata dunha norma inxusta, desproporcionada, sen unha base técnica suficiente e con fallos tanto na forma como no fondo, algo no que coinciden tanto as institucións políticas como científicas.

“Hai zonas e zonas e todo isto que tiña un equilibro e que estaba funcionando dende fai anos, vaise estropear ”, di o burelés, “a única solución agora mesmo é facer unha suspensión e analiza os datos dispoñibles”.