Skip to main content
Lugo

A CHMS retira máis de 8.000 kg de azolla no tramo urbano do río Miño

Por 20 Outubro, 2022Sin comentarios

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou as actuacións de retirada do fento azolla filiculoides en máis de 2 quilómetros de tramo urbano do río Miño, ao seu paso pola cidade de Lugo.

Hai que lembrar que a é un fento acuático flotante que poden alcanzar os 10 cm, que dispersa as súas esporas de xullo a setembro e habita en augas limpas de curso lento, o que unido ao baixo nivel da auga e a temperatura propia da época estival fai que aflore a súa expansión.

“A presenza das plantas acuáticas é fundamental para garantir o bo estado ecolóxico das masas de auga, pero a presenza de especies invasoras como a azolla, poden afectar negativamente os ecosistemas, por iso programáronse e executaron estes traballos, nos meses de setembro e outubro, nos que a CHMS investiu máis de 14.000 euros”, explicou o presidente.

Os traballos de retirada desta especie invasora, realizáronse con medios manuais, desde a beira e desde pequenas embarcacións, para, unha vez sacada á superficie, ser amoreada en sacos pechados e depositada nun lugar afastado das crecidas para, a diario, ser trasladada a un xestor autorizado.

Este proceso realizouse sectorizando o río, avanzando de augas arriba cara a augas abaixo. Por outra banda, para reter os posibles restos vexetais que se desprendesen durante a retirada, despregáronse dúas barreiras de retención augas abaixo de cada zona de actuación. O total de Azolla filiculoides retirada ascendeu a 8.100 quilos.