Skip to main content
Lugo

O BNG organiza hoxe unha manifestación para reclamar melloras no servicio ferroviario

Por 28 Outubro, 2022Sin comentarios

Baixo a campaña Lugo Quere Tren! o BNG convoca unha mobilización para hoxe co obxectivo de reclamar un servizo de ferrocarril digno. A manifestación que partirá ás 20.15 da praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno contará coa participación do deputado do BNG no congreso, Néstor Rego.

Rubén Arroxo,  portavoz do BNG no Concello de Lugo anunciou á entrada do pleno municipal que o BNG presentará emendas aos orzamentos do Estado, para reclamar as inversións pendentes que o goberno ten con Lugo. “No proxecto de Orzamentos do Estado, a veciñanza de Lugo queda esquecida unha vez máis, converténdose na única cidade galega que queda fóra dunha rede ferroviaria moderna”, explicou o Rubén Arroxo.

Arroxo lembrou que o BNG entregou no ministerio de transportes en Madrid “máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo que reclaman ao goberno do estado un compromiso real con Lugo”, e animou “a participar nesta importante mobilización para demostrar que Lugo quere tren, un ferrocarril moderno que nos permita usar este medio de transporte ecolóxico e sostible”.

“Galiza, e especialmente Lugo sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos distintos gobernos do PP e do PSOE”, afirmou Arroxo, que engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.

“Non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas e, no caso de Lugo, mantense unha liña (Lugo – A Coruña), sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais”, explicou o portavoz do BNG.

O BNG recolleu sinaturas nos últimos meses baixo o lema Lugo Quere Tren, buscando “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións que son necesarias para as veciñas e veciños de Lugo”.

Con esta campaña, o BNG pide o apoio da veciñanza para reclamar a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos.  Actualmente, Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes, o que crearía un traxecto directo entre Lugo e Compostela.