Skip to main content
Navia de Suarna

Escolares dos Ancares realizan unha xornada de limpeza do río Ser

Por 19 Outubro, 2022Outubro 20th, 2022Sin comentarios

Escolares dos Ancares participaron nunha xornada de limpeza do río Ser, en Navia de Suarna, grazas a unha axuda que lle outorgou a Deputación de Lugo ao colectivo SER, que preside o cineasta Óliver Laxe. Unha subvención de 3.850€ que pertence á liña de subvencións de concorrencia competitiva que lanzou a institución provincial para as entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Participaron rapaces e rapazas que estudan no IES de Becerreá dos municipios de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, e tamén un grupo de veciños voluntarios que se uniu á actividade. Antes de comezar, Óliver Laxe explicoulles en que consiste o labor do colectivo
SER e o significado da figura da Reserva da Biosfera, resaltando os valores polos que Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá forma partes territorios recoñecidos pola UNESCO. Logo, conformáronse grupos de traballo e desprazáronse ata o río
para limpar o río de plásticos e lixo.

Con esta actividade tamén se sinalizou o Castro do Teso da Ermida, que se atopa ao carón do río, coñeceuse a aldea de Vilela e púxose especial fincapé en que a rapazada identifique os elementos patrimoniais e paisaxísticos, á vez que distingue os elementos que contaminan o medio e impiden o seu desenvolvemento natural. Outro dos aspectos sobre os que se reflexionou na xornada foi o problema dos lumes forestais, incidindo na importancia da prevención.

A actividade incluíu un xantar, e pola tarde os participantes clasificaron o lixo e logo depositárono no punto limpo de Becerreá.