Skip to main content
Monforte

Monforte acolle unha reunión da Sociga sobre a investigación do cancro de recto

Por 17 Outubro, 2022Outubro 18th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou unha reunión de consenso do Grupo Galego de Coloproctoloxía da Sociedade de Cirurxía de Galicia (Sociga) que tivo lugar o sábado no Parador de Turismo, e que xirou arredor da investigación sobre o cancro de recto.

Esta importante reunión de médicos e investigadores abordou, a través de diferentes conferencia e mesas redondas diferentes aspectos sobre a cirurxía do cancro de recto, definición e medición de tumores ou tratamento de pacientes, entre outros temas.

Na inauguración das xornadas, o rexedor monfortino estivo acompañado polo presidente da Sociedade de Ciruxía de Galicia, José Conde Vales, o coordinador da Reunión de Consenso Cancro de recto, José Enrique Casal Núñez, e o coordinador do Grupo Galego de Coloproctoloxía, Alberto Parajó Calvo.

O alcalde deu a benvida ós 30 poñentes e asistentes, provintes de diversas cidades de Galicia, e entre os que se atopan xefes de servizo de cirurxía xeral dos 7 hospitais galegos, manifestou ó seu apoio a este tipo de encontro pois “dende o Equipo de Goberno deste concello mantemos un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública, porque cremos que, os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.

O rexedor municipal aproveitou a súa intervención para animar aós asistentes a desfrutar de Monforte e da Ribeira Sacra e descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica.

Neste senso, José Tomé, salientou que “para o concello de Monforte é unha satisfacción, poder volver a acoller na nosa cidade reunións e congresos desta índole, pois non so traen coñecementos, tan necesarios para a saúde dos nosos cidadáns, senón que tamén xeran actividade entorno á hostalería e ó comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”.

Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando “que esta reunión serva para avanzar nos traballos de investigación e de coñecemento que permitan avanzar na prevención e na curación desta enfermidade”, e recoñecendo a labor destes médicos e investigadores “porque sabemos do enorme mérito do traballo que levan a cabo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble.”