Skip to main content

Por Raúl Río

Manuel Castro Veres naceu no ano 1919 na aldea que ten o bonito nome de Liñarede, unha das aldeas situadas mais ao sur da parroquia dos Vilares de Díaz Castro; entre Vilargabín e O Cando, xa de San Salvador. Esa aldea sempre tivo tres casas: A de Ciprián, a de Veras -quizás chamada así por unha deturpación do apelido Veres- e a de Cadete, que logo mercaron a medias Veras e Ciprián.

Era primo segundo de Xosé María Díaz Castro e naqueles tempos tamén era un dos mais preparados da parroquia. Estudiou as primeiras letras nos Vilares e despois mandárono aos Maristas da Coruña, aínda que seu tío, Jesús Veres Díaz, cura de Santa Cruz de Parga, quería mandalo ao Seminario de Mondoñedo, pero segundo a súa sobriña Carme díxolle que non, que el quería dous pares de zocas debaixo da cama, e despois de pasar un tempo na Coruña, no 1936, con 17 anos mandárono para Mahon. Logo, cando rematou a guerra, volveu para a casa e dedicouse a traballar o lugar.

No ano 1957 cumpriuse o seu desexo de ter dous pares de zocas debaixo da cama, pois nese ano casou con Rosalina Pernas Otero, de 27 anos -once anos mis nova-, da parroquia de Goiriz, e aquela casa seguiu sendo a da Misericordia, como xa lle chamaban antes os veciños por dar pousada a todo aquel que a necesitara. Alí paraban sempre os probes que viñan pedindo e o capador Serafín Vispalia, nacido en Cospeito, que tiña dous fillos casados con dúas irmáns de Rosalina.     

A casa de Veras era unha casa de labradores moi forte. Tiña un bo lugar e incluso houbo un tempo no que tivo caseiros, pois cando seu pai mercou a casa de Cadete estiveron nela Emilio da Tolda e despois os da Cuca, traballando unha parte do lugar. Logo, cando se foron os caseiros, e era moito o traballo, tamén tivo algúns traballadores, que daquela a xente chamaba criados. Tivo un, ao que lle tiña moito aprecio, que se chamaba Xosé, ao que seica lle faltaba algo de entendemento, por iso cando o chamaron para ir ao servizo militar Manuel foi con el para ver si o podía librar desa obrigación por non ter todos os coñecementos. Recibiunos un capitán e Manuel explicoulle que non era apto para facer ese servizo e o capitán preguntoulle a Xosé a onde quería ir facer o servizo militar e Xosé contestoulle: Coas vacas para a Pena Cova. O militar ao escoitar aquelo, díxolle: Pois váiase, vaia coas vacas para a Pena Cova.

Manuel era un gran emprendedor e a finais dos anos sesenta construíu unha casa no Castro das Reixas coa intención de poñer taberna con ultramarinos e un almacén no que vendía sal, mineral e outros abonos. Ansiaba o progreso e foi un dos primeiros da parroquia que fixo un silo de ladrillo e cemento para conservar a herba e o millo, que aínda podemos ver hoxe detrás da casa.      

Unha proba da súa vontade de facer realidade os seus pensamentos foi cando decidiu facer mais fonda a corte das vacas utilizando dinamita controlada polo meu veciño, o poceiro Serafín do Rei, da Tiñaz, que aprendeu a manexala e a bailar o “chiringhuai” cos mouros, cando estivo facendo o servizo militar en Melilla. Penso que sería a primeira vez que se utilizou ese explosivo dentro dunha casa de pedra, pero foi todo un éxito que agrandou a corte e vimos a mestría do poceiro da Tiñaz manexando a dinamita e a valentía de Manuel.

Sabedor dos problemas e atrancos do minifundio, loitaba polo parcelamento e apoiaba aos técnicos da Extensión Agraria. Na casa que fixo no Castro das Reixas organizaba as asembleas con eses técnicos, ás que asistían a maior parte dos veciños da parroquia. Quería que os veciños levaran a cabo os consellos que lles daban os especialistas da Agraria e organizaba viaxes a outros lugares onde xa se practicaban esas técnicas.

Os veciños de Liñarede, de Vilargabín, As Mourelas, Novás e algúns de Vilasuso, tiñan en parcería o muíño de Liñarede, que recollía a auga da famosa fonte de Piavade, pero o vello muíño quedábase pequeno e desfasado para os novos tempos, polo que entre 1959 e 1960 propúxolle aos parceiros tiralo e facer outro mais grande con dúas moas, para o que contrataron aos mestres canteiros, Xesús de Carreira de Arxán e Xermán do Cal, que fixeron o muíño e unha presa mais grande, na que logo nos bañábamos de nenos.

Mais tarde, na súa defensa do comunal ante o privado, tamén tivo que encabezar un preito ante os tribunais de xustiza pola auga desa fonte, tan boa que a pedían os moribundos nas últimas horas de vida e que abastecía ó muíño, porque “Mirón do Monte”, de San Salvador, canalizouna para uso propio na súa casa e no seu lugar que tiña monte abaixo, pero Manuel gañou o preito, polo que as augas volveron a canle do muíño comunal de Liñarede, que puido seguir moendo mentres os veciños seguiron sementando trigo, centeo ou millo e nós, na nosa xuventude, utilizando a presa como piscina.