Skip to main content
As Pontes

A futura factoría de pneumáticos das Pontes, proxecto industrial estratéxico de Galicia

Por 8 Outubro, 2022Sin comentarios

O Consello da Xunta aprobou a declaración do segundo proxecto industrial estratéxico de Galicia, promovido por Sentury Tire para a implantación dunha planta de pneumáticos nas Pontes que permitirá dar un paso máis para dinamizar a actividade industrial nesta localidade coruñesa.

“Trátase dunha iniciativa especialmente importante para a comarca coruñesa, pero tamén o é para toda Galicia pola súa transcendencia”, aseverou Rueda sobre esta nova factoría, da que avanzou que terá unha produción “de 12 millóns de pneumáticos de alto rendemento ao ano” e suporá “un investimento de 531 millóns de euros e impulsará a creación de 750 empregos directos”.

O proxecto está integrado por unha planta de proceso de fabricación, un taller de materiais de mestura, un almacén, un taller de construción de pneumáticos e un taller de vulcanización. O proceso de fabricación de pneumáticos centrarase en catro fases diferenciadas: a produción de compostos, a fabricación de compoñentes, a montaxe do pneumático e a fase de almacenamento, a través dun proceso automatizado que permitirá a distribución e a carga final da mercadoría nos camións de transporte para a súa saída da factoría.

O obxectivo é o desenvolvemento e fabricación de pneumáticos PCR (Passenger Car Radial Tire) e LTR (Light Truck Radial Tire) de alto rendemento para turismos, vehículos comerciais, todoterreos, de estradas, de competición e avións civís, cunha produción anual prevista de 12 millóns de pneumáticos.

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca a captación de investimentos. Permitirá a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos- mantendo as garantías técnicas, xurídicas e ambientais.

A iniciativa súmase á declaración tamén como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes. De feito, os pneumáticos verdes son unha alternativa ecolóxica e máis eficiente para os automóbiles e dan resposta á redución do consumo de combustible e á minimización da pegada de carbono deixada ao crear o propio pneumático. A factoría servirase de subministracións enerxéticas alternativas como o hidróxeno verde da futura planta de H2Pole.

Outra iniciativa máis iniciou xa a súa tramitación para obter a declaración: a de metanol verde de Mugardos promovida por Forestal del Atlántico. Para conseguir esta declaración, os proxectos deben cumprir con dous dos tres seguintes requisitos: un volume de investimento mínimo de 20M €, a creación como mínimo de 100 postos de traballo directos, así como que complementen cadeas de valor ou pertenzan a sectores considerados estratéxicos e aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento Next Generation. A planta de Sentury cumpre cos tres requisitos e terá un importante efecto dinamizador da actividade industrial das comarcas da zona.

Prevese un importante impacto deste proxecto no porto de Ferrol, pois boa parte da súa produción vai ir destinada ao mercado norteamericano, onde a compañía conta cunha rede comercial propia. A actividade verase incrementada tanto pola exportación de produto elaborado como pola importación de materias primas. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao estima movementos anuais cos que cuadriplicar o tráfico de contedores na terminal, ademais da creación de 30 postos de traballo directos na terminal do porto.

Na súa intervención, Rueda amosou o interese por parte da Xunta de Galicia de que o Goberno central se implique neste proxecto. “Agardamos que amose sensibilidade a un proxecto que conta con moita potencia e viabilidade, pero que precisa o empuxe dos fondos Next Generation”, defendeu.