Skip to main content
As Pontes

Abre o prazo nas Pontes para apuntarse ao concurso de cestas da Feira de Fungos

Por 20 Outubro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes abriu onte o prazo de inscrición no concurso de cestas da Feira de Fungos e Cogomelos que se celebrará o vindeiro fin de semana, os días 29 e 30 de outubro.

As inscricións poderán realizarse no departamento de Cultura, antes da feira, no telf. 981440344 ou no correo cultura@aspontes.org ata o venres 28 de outubro ás 12:00h (deberán ter confirmación do Dpto. de Cultura da inscrición na feira), e o día 30 de outubro na Feira antes das 10:30h.

Para concursar deberán presentarse exemplares dun mínimo de 10 especies distintas de cogomelos silvestres. As persoas concursantes deberán identificalos e poñer nome nos cogomelos que presenten. Non se empregarán especies protexidas.

As persoas concursantes deberán ter, cando menos, 18 anos que acreditarán presentando o DNI, aquelas da categoría xuvenil deberán ter entre 18 e 25 anos cumpridos o día do concurso (30 de outubro). Cada persoa só poderá participar cunha cesta.

A presentación a concurso será dende as 09:00 horas ata as 10:30 horas na carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda das Pontes, a partir desta hora, momento no que o xurado comezará a facer a valoración das cestas, non se admitirán máis participantes.

O xurado estará formado por persoas entendidas na materia que valorarán a clasificación, estado e variedade das especies presentadas. Ademais no premio especial atenderase á presentación e exemplares máis raros.

Entre as persoas participantes repartiranse un 1º premio de 400 euros, un 2º premio de 200 euros, un 3º premio de 150 euros, un 4º premio de 100 euros e un 5º premio de 75 euros. Ademais haberá un premio especial xuvenil valorado en 75 euros e un premio especial de 400 euros.