Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta propón a rebaixa do IBI ás vivendas con instalacións de enerxía renovable

Por 21 Outubro, 2022Sin comentarios

A iniciativa busca favorecer o autoconsumo, paliar a alza de prezos e promover as enerxías verdes e complementase coa exención do ICIO en todas as obras de mellora da eficiencia enerxética e/ou de eliminación de barreiras arquitectónicas.

Vilalba Aberta levará a pleno unha proposta de modificación da Ordenanza Fiscal para a rebaixa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a aqueles veciños/as que conten con instalacións de enerxías renovables nas súas vivendas ou edificios. Unha iniciativa, que tal e como explicaron dende a formación levará como engadido unha segunda proposta de exención do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) naquelas obras encamiñadas á mellora na eficiencia enerxética e/ou á eliminación de barreiras arquitectónicas. 

Tal como explicou o responsable de urbanismo de VA, Carlos Currás, a rebaixa que defenderán no relativo ao IBI será do 50% durante dez anos dende a súa instalación. Ademais, as persoas que o fixesen con anterioridade tamén terán un réxime transitorio. “Queremos favorecer o uso de enerxías limpas e alternativas que axuden a paliar a alza dos prezos da enerxía. En definitiva, fomentar a transición a enerxías limpas de menor custo para a veciñanza”, sinalou.

O mesmo acontece coa segunda parte da iniciativa, isto é: a relativa á exención do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) naquelas obras encamiñadas á mellora na eficiencia enerxética e/ou á eliminación de barreiras arquitectónicas. 

O obxectivo da formación con esta proposta segue a ser o de favorecer o autoconsumo e as enerxías verdes ao tempo que se reduce a dependencia de terceiros; mais tal e como explicou Currás, “a mellora na calidade de vida das persoas dependentes non podía quedar fóra da ecuación.”

“O colectivo de persoas maiores e ou dependentes debe ser un dos eixos principais en torno ao cal se constrúa o novo urbanismo vilalbés, pode ser que algún día cheguemos a entendelo”, sentenciou.