Skip to main content
Barreiros

Barreiros concluiu as labores anuais de prevención de incendios forestais

Por 22 Novembro, 2022Sin comentarios

Os operarios municipais de Barreiros veñen de concluír nestes días as labores de prevención e loita contra os incendios forestais no municipio. Para estas labores contou durante tres meses, ademais do tractor municipal de desbroce, cunha brigada composta por cinco persoas e unha motobomba na que operaban tres profesionais. Dito persoal, baixo a coordinación do distrito forestal de zona, participou en dispositivos de ámbito comarcal e realizou labores de limpeza e desbroces de espazos públicos baixo a supervisión do concelleiro de medio rural, Dámaso Ratoeira. 

Ademais destas labores, dita concellería vén realizando sistematicamente obras de mantemento e mellora de vías rurais que facilitan o acceso en caso de incendios. Así, nos últimos días o persoal municipal mellorou o acceso aos depósitos de carga contra incendios de Benquerencia, coa ampliación da entrada e zona de virada da motobomba. 

Ratoeira quixo poñer en valor “estas pequenas actuacións que se veñen realizando nos últimos tres anos -e que non se facían neste concello- que son fundamentais para ir poñendo a zona forestal en valor e cunhas condicións mínimas de seguridade”. Así, sinalou as labores continuas que se fan en mantento de cunetas das pistas forestais ou o coidado na conducción de augas nas mesmas; ao igual que o continuo contacto coas empresas do sector para o arranxo de posibles desperfectos derivados da saca de madeira.

“Por primeira vez en moitos anos, estase a facer neste concello unha labor de control e posta en valor da actividade forestal e iso supón que nestes momentos, quedando aínda marxe de mellora que se poida realizar en vindeiros anos, o concello de Barreiros conte cunha situación moi mellorada das pistas e espazos públicos forestais”, sinalou. 

Quixo, ademais, agradecer a profesionalidade do persoal contra incendios que operou a nivel municipal, tanto na brigada como na motobomba, que permitiu o adecentamento de 10ha de espazos e de máis de 250km de desbroces en pistas forestais.