Skip to main content
Ribadeo

O carril bici entre Os Bloques e Illa Pancha están na recta final

Por 12 Novembro, 2022Sin comentarios

As obras do carril bici están na recta final polo que estes días hai despregada moita maquinaria na estrada do Faro e en camiños municipais de Vilaselán. 

Con este proxecto de arranxo do firme da estrada que vai ao Faro farán un circuíto de carril bici para o uso e desfrute da cidadanía en todos os segmentos de idade.Esta nova ruta vai partir desde a Praia dos Bloques, discorrendo polo Paseo Marítimo, por Porcillán, subirá até enlazar coa estrada ao Faro e completarase esta ruta circular polos camiños de Campoxurado, en Vilaselán, até o encontro coa estrada provincial.

Segundo se recolle na memoria inicial, entre o Faro de Illa Pancha e o Forte de San Damián, habilitarase un carril-bici bidireccional de 2.50 metros de ancho mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista e limitada a 30 quilómetros  por hora. O traxecto tamén será transitable a pé, por beirarrúas e pasos peonís.

No resto do traxecto, realizarase un aglomerado ata o encontro coa Avenida Calvo Sotelo coa creación dunha senda peonil, e habilitarase como bicirrúa ata a praia dos Bloques, ao longo do cal as bicicletas circularán xunto cos vehículos, pero con preferencia.

O proxecto mellorará as condicións de uso e seguridade dun espazo xa empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade de Ribadeo para o paseo a pé e outras actividades físicas. Ademais, facilitará o uso da bicicleta para os desprazamentos entre as vivendas e o centro da vila, contribuíndo a unha mobilidade máis sostible desde o punto de vista ambiental e económico.