Skip to main content
Ribadeo

O TSXG ratifica o acceso libre e público á Illa Pancha

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ratificar o acceso público á Illa Pancha tras desestimar o recurso de casación presentado polo concesionario do Faro e condeao a asumir as costas do proceso de apelación.

O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a inadmisión a trámite e engadiu que “con isto quedaba resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo este proceso”. 

O alcalde manifestou que “lamentablemente, vimos que a aplicación das sentenzas non eran todo o inmediatas que deberan ser posto que durante un tempo seguiuse a incumprir por parte do concesionario coa pasividade da administración titular da Illa, A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, o que obrigou ao Concello a impoñer sendas multas coercitivas ao titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir o acceso público”.

E engadiu que “desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa, apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral, pero queremos que o resto de cidadanía poida ir, pasear, pescar ou facer o que lle pete, dentro dos dereitos e deberes que calquera persoa poida que facer no resto do litoral”.