Skip to main content
Viveiro

Viveiro inaugura o banco violeta para a reflexión

Por 24 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro continúa a programación con motivo do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero. Así, hoxe a partir das 17.30 horas, a Praza da Habana acolle a inauguración do ‘Banco Violeta para a Reflexión contra a Violencia de Xénero’, unha iniciativa levada a cabo en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei). 

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, fai un chamamento “a concienciar e visibilizar esta lacra social da violencia de xénero, temos que estar preto das vítimas e axudalas, aumentando os recursos para rematar o antes posible esta loita”.

“Facémonos eco desta iniciativa de poñer bancos lilas nos concellos para dar conta e lembrar a todas as mulleres que foron vítimas de violencia de xénero nos últimos anos”, detalla pola súa parte Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Muller. “Deste xeito, queremos amosar a nosa repulsa e visibilizar esta lacra”, engade. 

No acto procederase á lectura dun manifesto por parte de dúas integrantes do grupo de Participación Xuvenil do Concello de Viveiro e pecharase cunha intervención artística por parte de David Bellas.

O propio venres 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, organizarase a marcha ‘En negro contra as violencias’ que sairá dende Castelos (Covas) para rematar na Praza Maior de Viveiro, onde se lerá o manifesto institucional. 

Haberá paraugas conmemorativos a disposición dos asistentes para protexerse das posibles inclemencias do tempo así como camisetas doadas pola Deputación de Lugo. Ao finalizar o acto, todas as persoas que participen poderán desfrutar dun chocolate con churros.

O compromiso coa loita contra a violencia de xénero por parte do Concello de Viveiro queda patente nun programa de actos con motivo do 25N de claro carácter transversal e no que se propoñen diferentes actividades ao longo de varios meses. 

Así, as citas continuarán o martes día 29, ás 20:30 horas, coa representación no Teatro Pastor Díaz de ‘Continente María’, unha gran peza da escena galega actual de Ainé Producciones, e a obra ‘Fillas Bravas’ de Chévere, o sábado 3 de decembro. 

Ao longo do ano sucederanse tamén os obradoiros sobre sexualidade nos I.E.S. María Sarmiento e Vilar Ponte, a cargo da sexóloga Raquel Graña, levarase a cabo un taller de creación audiovisual contra a violencia de xénero, no que participará o Grupo de Participación Xuvenil, e dende o club de lectura en feminino, dinamizado por Estíbalez Veiga, crearase o ‘Recanto Violeta’.