Skip to main content
Lugo

A Deputación investirá 430.000€ nos concellos da Reserva dos Ancares Lucenses

Por 5 Novembro, 2022Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este venres en Cervantes que a institución investirá 430.000€ en iniciativas que beneficiarán ós tres concellos que forman parte da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. O mandatario provincial presentou nun encontro co tecido asociativo e cos veciños e veciñas organizado pola institución na Casa da Cultura da localidade as medidas que acometerá grazas a estes fondos que conseguiu da Unión Europea.

José Tomé destacou que o acondicionamento e mellora do teitado das pallozas do Piornedo é unha das actuacións que a Deputación acometerá, cumprindo así cunha necesidade e unha demanda dos veciños, propietarios e asociacións culturais para conservar e poñer en valor este patrimonio etnográfico cun valor de primeira orde.

Outros proxectos serán a recuperación de soutos en Cervantes e Navia de Suarna, “co que daremos continuidade á iniciativa coa que gañamos o ano pasado a Copa de España Creativa, un certame de ámbito nacional que promove a innovación para o desenvolvemento sostible do territorio”, sinalou o Presidente.

Tamén se darán os pasos necesarios para acadar a certificación Starlight, un recoñecemento que busca a protección do ceo nocturno e a difusión da astronomía a nivel cultural e turístico, así como a mellora da sinalización de patrimonio cultural e de recursos turísticos da zona, como a Vía Romana XIX, o Castro de Santa María, en Becerreá, ou as Mámoas de Oural, Pena dos Mouros ou de Restelo, entre outros.

Apoio ó rural

A Deputación utiliza estes recursos económicos da Unión Europea para “fortalecer o modelo de xestión das Reservas da Biosfera que temos implantado na Deputación”, apuntou o Presidente. Un modelo “aberto e participativo, co que buscamos, por riba de todo, apoiar ó rural, ó sector primario e ó turismo, conxugando para elo a necesaria conservación dos entornos naturais co desenvolvemento social e económico do territorio. Porque, está claro, un territorio sen xente, sen actividade económica, non é un territorio virxe, é un territorio abandonado que perde o seu valor”.

Os 430.000€ para a Reserva dos Ancares forman parte dun investimento total que ascende a 1M€, no que tamén se inclúen actuacións para a Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A Deputación logrou captar a totalidade dos fondos que solicitou para o impulso das reservas, “algo que indica que estamos no bo camiño”. “É importante consolidar ante as autoridade europeas a seriedade do traballo que desenvolvemos nas nosas Reservas, porque esta é a maneira de poder lograr máis recursos económicos no futuro”, destacou o mandatario provincial.

Ó acto celebrado hoxe na Casa da Cultura de Cervantes asistiron xunto ó Presidente da Deputación os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Medio Ambiente, José Luis Raposo, ademais dos alcaldes de Cervantes, Benigno Gómez, e de Navia de Suarna, José Fernández. Participaron representantes das organizacións dos Órganos de Participación da Reserva da Biosfera dos Ancares, o xefe do Servizo de Medio Ambiente da institución provincial, Luis Fernández Reija, e a xestora das Reservas da Biosfera, Andrea Macho Benito.