Skip to main content
Navia de Suarna

Entran a vivir os primeiros residentes do Centro de Atención de Maiores en Navia de Suarna

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

O Centro de Atención a Maiores en Navia de Suarna recibe este mércores aos seis primeiros usuarios e usuarias que entran a vivir neste novo centro provincial. Hoxe farano outros catro, e nas vindeiras semanas irán ingresando de forma paulatina o resto de persoas que vivirán no centro ata completar as prazas, en función das circunstancias de cada un dos usuarios.

Dende o día da inauguración da residencia, celebrada o 4 de novembro, realizouse o proceso de preingreso, durante o que os residentes coñeceron as instalacións e tomaron contacto co persoal como paso previo a quedarse a residir. Entre os novos inquilinos que entran hoxe a vivir no CAM de Navia de Suarna está Enrique Monasterio, un xastre moi querido e coñecido entre os naviegos e naviegas.

Este novo centro conta con 30 prazas de residencia e crea 25 postos de traballo directos, aos que se suman os emprego indirectos, ademais de xerar actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite a residencia serán de produtores e de negocios da zona. A residencia está situada nunha parcela de 452 metros cadrados distribuídos en tres andares e un semisoto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña e comedor.

Na planta baixa está situado o vestíbulo, oficinas, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente e sala de usos múltiples. Na primeira e na segunda planta están as habitacións. A institución provincial investiu 2M€ á construción, equipamento e posta en marcha do CAM de Navia de Suarna, que se completou coa aportación duns 300.000€ por parte do Concello.

O modelo asistencial que a Deputación ten implantado nos seus centros de maiores en cooperación cos concellos é 100% público e garante a calidade na atención, favorece o arraigo, e crea emprego e actividade económica no rural a través da economía circular. Ao igual que no resto de centros da rede provincial da Deputación, na residencia de Navia teñen prioridade de acceso ás prazas aos veciños do municipio, despois os dos concellos limítrofes e da comarca, e as restantes ábrense para lucenses de toda a provincia. Os usuarios e usuarias pagan en función da súa capacidade económica.