Skip to main content
Chantada

Chantada acolle o martes unha asemblea sobre política agraria

Por 10 Novembro, 2022Novembro 11th, 2022Sin comentarios

O sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas iniciará o vindeiro martes día 15 de novembro en Chantada unha rolda de asembleas informativas sobre a Política Agraria Común (PAC) que comezará a ser aplicada a partires do 2023.

O SLG estivo presente na longa xestación desta PAC, unha política agraria común que finalmente ficou moi complexa.

Pódese dicir que “cambia todo, a diferencia fundamental é que imos ver moi aumentada a carga burocrática para cobrar no caso galego unhas axudas iguais ou inferiores ás que viñamos percibindo nestes anos. Ademais, canda a nova Política Agraria Común, para o ano 2023 entra en vigor moita normativa que tamén mudará fondamente a vida das granxas”, afirman membros do Sindicato Labrego Galego.

“A nova PAC vaise solicitar en marzo e abril do 2023, pero as labregas e labregos precisamos saber as súas características e requisitos antes do 1 de xaneiro do 2023, que é cando entrará en vigor. Por iso convidamos a tódalas persoas que solicitaran ou non a PAC en anos anteriores, e que estean interesadas en saber como vai, a asistir a algunha das 25 asembleas programadas, nas que faremos un repaso por tódalas axudas da solicitude única e os requisitos das mesmas” destacan.

As datas fixadas neste momento para a segunda quincena de novembro son as seguintes: o 15 de novembro estarán en Chantada, o 16 en Lourenzá e Ordes, o 17 en Xinzo, o 18 en Arzúa e Melide, o 22 de novembro en O Saviñao e Castroverde, o 23 en Carballo, o 24 de novembro en Becerreá, o 29 no Corgo e o 30 en Láncara.