Skip to main content
Chantada

Chantada acolle hoxe na Biblioteca Pública un obradoiro de igualdade

Por 12 Novembro, 2022Novembro 14th, 2022Sin comentarios

Unha das actividades impulsadas polo Centro de Información ás Mulleres e a Concellería de Igualdade do Concello de Chantada para este 25 de novembro, terá lugar hoxe ás 12.00 horas na Biblioteca Pública Municipal.

Baixo o nome de A min gústame o rosa, hoxe ás 12.00 horas terá lugar en Chantada un obradoiro de igualdade para o que non é preciso inscrición previa.
Nenos e nenas de entre 4 e 9 anos poderán participar nesta iniciativa que ten coma obxectivo recoñecer e desmontar os estereotipos de xénero e ofrecer referentes alternativos.

A través da lectura dramatizada dun conto adaptado á idade das cativas e cativos abordaranse conceptos coma a desigualdade, a discriminación e a construción social das diferenzas entre homes e mulleres.

Do mesmo xeito, vénse de coñecer que a Biblioteca Pública Municipal deste municipio xa ten dispoñibles para a lectura por parte de tódolos interesados e interesadas, os Premios Xerais 2022 dirixidos a público infantil, xuvenil e adulto respectivamente.

Estes libros son: Unha nova dimensión de Anxo Iglesias (Premio Merlín de Literatura Infantil 2022), Cicuta para dous de Rocío Leira (XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil) e A culpa de María Solar (XXXIX Premio Xerais de Novela).