Skip to main content
Monforte

Monforte vístese de nadal cun mercado de artesanía, unha mostra de panxoliñas e beléns e varios concertos

Por 25 Novembro, 2022Novembro 26th, 2022Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer a coñecer a Programación do Concello de Monforte para este Nadal 2022-2023, dentro da recuperación da normalidade, “como así fomos facendo ó longo de todo o ano co Entroido, coa Feira Medieval, co Festival do Viño ou coas Festas Patronais”.

As actividades iniciaránse coa convocatoria do Concurso de Beléns para centros de ensino da cidade.

Os máis pequenos da casa poderán volver a participar un ano máis no xa tradicional certame de poesía infantil Nadal 2022, da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro.

Por outra banda e durante tres fins de semana, o protagonista na Praza de Abastos será o Mercado de Nadal-Circuítos de Artesanía e Música Galega. Así, desenvolverase as fins de semana do 10 e 11, 17 e 18, 23 e 24 de decembro de 2022. Nel, ademais do mercado tamén haberá diversas actividades culturais e musicais de entretemento co obxectivo de presentar unha oferta cultural, musical e gastronómica nun ambiente navideño.

Ó igual que nos últimos anos, terá lugar tamén a montaxe na sala de exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro dun Belén a cargo de J. Antonio Davila, que permanecerá exposto dende o 14 de decembro de 2022 ó 8 de xaneiro de 2023.

Como xa é tradición no concello de Monforte, a Asociación Albores será a encargada da decoración de nadal do vestíbulo da Casa do Concello.

Desenvolverase tamén a edición número vintedúas da Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino que terá lugar o 15 decembro ás 18.00 horas no Edificio Multiusos.

O tradicional Festival Nadal 2022, correrá como tódolos anos a cargo do Conservatorio Municipal e celebrarase o 22 decembro ás 20:00 h no Edificio Multiusos.

Os veciños e veciñas de Monforte poderán desfrutar tamén co Concerto de Corais Nadal 2022 que será o 23 decembro ás 20:00 horas na Igrexa Nosa Señora da Antiga coa actuación da Coral Aurea Canta, de Ourense e a Coral Polifónica Concello de Monforte. E o Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados-Praza de Abastos durante a mañá do sábado 24 de decembro.

Teatro e espectáculos para toda a familia

O teatro terá tres citas protagonistas, todas elas na Casa Cultura Poeta Lois Pereiro, e a cargp de grupos afeccionados de Monforte: O crime de Lady Sibila do grupo de teatro Teatreiras representarase o 10 de decembro ás 19:30 horas,  a obra Perfectos descoñecidos do grupo de teatro Viraventos terá lugar o 17 de decembro ás 19:30 horas e por último,  o 4 de xaneiro ás 20.00 horas poderase desfrutar dun monólogo da man de Tito Rober.

Especialmente dirixido a público infantil e familiar o programa de Nadal inclúe tamén o espectáculo de maxia Alquimia do Mago Teto, o 4 decembro ás 18.00 horas no Edificio Multiusos e o espectáculo familiar Filipa cos contos con Fran Campos que se celebrará o 4 xaneiro ás 18.00 h na Casa Cultura.

Novidoso concerto para bebés

Como actividade novidosa, o Concello inclúe no programa deste ano un concerto para bebés titulado Son no berce, de A Cova das Letras, que se celebrará o 27 decembro con dúas sesións, ás 17.00 e 17.30 horas, no  Edificio Multiusos e para o que será necesaria inscrición previa.

Outros concertos incluídos para este Nadal serán o da Banda de Música de Chantada, o 26 decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

E o de Camerata Arven e o Ballet de Galicia, con Diego Landín del Rio e Erick Pegueros Rodríguez, organizado pola Sociedade Filarmónica en colaboración co Concello de Monforte, para o 28 decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

Con respecto á cabalgata de Reis, terá lugar coma sempre o xoves 5 de xaneiro, no que os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17.30 horas. O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18.30 horas dende a Praza da Estación ata chegar ó Concello, á praza Campo de San Antonio.

Un pouco máis tarde, ás 19.30 horas,  As Súas Maxestades lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial e recibirán ós nenos e nenas en recepción oficial.

“Un ano máis”, concluíu Marina Doutón, “dende o Equipo de Goberno do Concello, ideamos un completo e variado programa de actividades de Nadal, co obxectivo de que os monfortinos e monfortinas  vivan con alegría e ilusión estas festas, e tamén para contribuír a dinamizar os nosos sectores produtivos, especialmente a hostalería, o comercio e o turismo”.