Skip to main content
O Incio

O proxecto Toponimízate chega ó Incio este 25 de novembro

Por 8 Novembro, 2022Novembro 10th, 2022Sin comentarios

A campaña Toponimízate centrada en difundir o valor da toponimia galega e na recuperación dos nosos topónimos, chega ó concello do Incio o venres 25 de novembro logo de percorrer un total de dezaseis concellos.

Esta quinta edición da campaña Toponimízate que xurdiu como unha iniciativa de divulgación da toponimia galega, está coordinada pola RAG en colaboración coa Xunta de Galicia.

Chegou a un total de dezasete concellos lucenses e este vindeiro 25 de novembro chega á súa fin no Incio nun acto que terá lugar ás 19.00 horas no Salón de Usos Múltiples do Concello.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica, foi un dos seus principais participantes.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García facía fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”.

Valentín García destacou nesta liña que “fai falla, ademais, promover a colaboración na recollida colectiva da microtoponimia, tratando de facer partícipe ó maior número de persoas posibles e facendo crecer a nosa obra colectiva”.

O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recollida toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

Nesta nova xornada de charlas pertencentes á quinta edición do proxecto, procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de fincas, montes, fontes…) correra un maior perigo de perda, como é o caso daqueles lugares que viven unha forte despoboación ou sofren amplos procesos de transformación do territorio.

Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do perigo que corre de perderse, das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral e tamén do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo.

Tamén se explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que veciños e veciñas poderán engadir na plataforma os topónimos que coñezan. Dende o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos a disposición de toda a cidadanía galega na rede. Máis de 2.600 persoas colaboradoras rexistráronse, engadindo nomes en 292 concellos galegos.