Skip to main content
O Páramo

O BNG manifesta a importancia de dotar de persoal facultativo o centro de saúde do Páramo

Por 21 Novembro, 2022Novembro 22nd, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego manifesta que é urxente dotar de persoal facultativo o centro de saúde do Páramo, xa que neste momento as dúas prazas que dispón atópanse sen cubrir.

Carme Aira, deputada por Lugo do BNG no Parlamento galego explica que “a veciñanza do Páramo neste momento só dispón dunha atención provisional cun facultativo provinte do centro de saúde de Sarria, que se achega apenas unhas horas ata media mañá, co que se se ten que facer unha urxencia ou unha visita, este concello queda totalmente desprotexido”.

Neste senso, a deputada destaca que “esta localidade non pode acudir ó PAC de referencia, neste caso o de Sarria, xa que este centro non comeza a súa actividade ata as 15.00 horas co cal non lles queda máis remedio que ir ás urxencias do HULA, aínda que a súa patoloxía non sexa urxente nin percibida como tal”.

Por todo isto, o BNG reclama “que se tomen as medidas precisas de forma urxente para garantir a asistencia sanitaria universal. De igual xeito, que se tomen medidas contra a precariedade e a temporalidade na sanidade pública, que posibiliten contar con persoal suficiente e ofrecer unhas condicións laborais dignas que garantan unha atención sanitaria de calidade”.

“A sanidade pública estana poñendo contra as cordas, sobre todo naqueles pequenos centros do rural onde contamos cunha importante poboación maior, o Partido Popular está denegando o dereito á asistencia sanitaria á poboación que máis a precisa” declara Carme Aira.