Skip to main content
Deportes SARRIAXAO Páramo

Jony Lombardía e Borja Fernández, da SD O Páramo: “Os xogadores xa teñen ganas de xogar en Segunda Galicia”

Por 6 Abril, 2024Abril 7th, 2024Sin comentarios
Por Jessica Fernández.

O equipo da SD O Páramo vén de conseguir proclamarse campión de Liga de Terceira Galicia Grupo Sur despois de quedar en táboas co equipo da SD Rubián de Bóveda o pasado 17 de marzo nas Rapadas.

Os do Páramo, que xa conseguiran o ascenso a Segunda Galicia o pasado 18 de febreiro, celebran este éxito con moita “satisfacción polo traballo feito”, sostén Jony Lombardía, adestrador do equipo, “que para iso me contrataron”, defende. “Quería devolver ao Páramo o máis alto posible e conseguímolo despois de que o ano pasado quedásemos a pouco de conseguilo, polo que tiñamos mentalizado que o obxectivo era ascender canto antes”, explica.

Da mesma forma, o capitán do equipo, Borja Fernández, tamén sente que o “deber está cumprido, porque levo moitos anos no club e cando cheguei ao equipo hai 13 ou 14 tempadas, estabamos en Primeira Galicia e sufrimos dous descensos consecutivos. Para nós era prioritario ascender xa, polo que agora sentimos alivio e estamos moi contentos porque non é fácil”, argumenta.

Jony Lombardía, que leva dous anos como adestrador, di que “tivemos que construír o equipo desde 0 e este ano e cando me contrataron afrontei o proxecto con moita ilusión, xa que teño familia e amigos aquí”. Pola parte dos xogadores, eles tamén se implicaron, tal como explica Jony, xa que “son xogadores moi comprometidos, motivados, deron a talla e todos o fixeron ben, por iso ascendemos”. Así, tanto el como o capitán destacan o lealdade dos xogadores ao participar nos adestramos, “xa que había 20 persoas que acudían regularmente aos adestramentos e iso faime sentir orgulloso”, resalta Borja. “A campaña foi moi boa tanto polo corpo técnico, formado polo adestrador principal, o adestrador secundario e o adestrador de porteiros; como polos xogadores. Todo é unha suma de factores que fixeron que conseguiramos o obxectivo”.

Perspectiva para a próxima tempada, xa en segunda

Ao ser preguntados polas perspectivas que teñen xa pensando na próxima tempada en Segunda Galicia, o adestrador defende que van seguir traballando como ata agora, “con ilusión, intentando conseguir a permanencia e despois soñar con seguir ascendendo”. Ademais, sostén que farán algunha incorporación, tendo en conta que haberá xogadores que tamén marchen, enfocando as fichaxes “en xente de preferente, de primeira e segunda, xogadores moi bos para fortalecer o equipo”.

Así, como defende Borja, “Segunda Galicia é unha categoría máis difícil, con equipos da contorna moi competitivos, polo que teremos que reforzarnos, pero estamos listos para competir”. Así, ve o equipo preparado e, pola súa traxectoria, que viviu, ve posible volver a 1ª autonómica, polo que “a campaña irá enfocada a tal fin. Estamos desexando que empece xa a tempada seguinte, seguir na dinámica na que estamos e chegar o máis alto que se poida. Os xogadores teñen fame, gañas de xogar e moita ilusión”, explica.

Borja destaca, ademais, que “foi un acerto o grupo que formamos, composto por veteranos coma min e rapaces novos como os que se incorporaron, porque fixemos grupo e non só adestramos e xogamos partidos, senón que organizamos actividades, torneos de fútbol e outras iniciativas nas que se ve a implicación de todos os xogadores co equipo e co Concello do Páramo. Ese núcleo de xente nova vinculada co Concello dá soporte ao equipo e é importante, inaugúralle ao Páramo un bo futuro”. Ademais, di que os xogadores son “o presente e o futuro do club. Estamos moi contentos porque vemos un equipo que vai perdurar no tempo. Hai unión e iso nótase en como medrou o equipo este ano”.

Jony Lombardía adestrador engade que tamén se promoverá que continúen e incluso se incorporen xogadores ao equipo do Concello do Páramo, porque “é bonito ter xente do Páramo xogando no equipo, aínda que tamén fomentaremos que veñan xogadores de Sarria e concellos da comarca”.

A afección

Con respecto á afección, tanto o adestrador como o capitán defenden que “é clave, sobre todo cando xogamos partidos importantes”. Así, Lombardía lembra que “enchemos os campos de fóra con xente do Páramo e o día do ascenso foi  un espectáculo, xa que as gradas estaban totalmente cheas, que en 3º é difícil”.

Pola súa parte, Borja di que ao ser os rapaces do Páramo ou ter familia no Concello, tamén van ver os partidos e “créase un mellor ambiente, xa que para nós é importantísimo que veña xente. O apoio nas gradas de tanto de volume de xente tendo en conta como é O Páramo, para nós é un plus”. Así, destaca que “que a xente se sinta identificada co equipo do Páramo é importante; necesitamos que se sintan representados e tamén contamos co apoio das administracións”.

Con respecto ao apoio doutras entidades, Lombardía destaca a colaboración do Concello do Páramo, “que nos coida o campo mantendo ben o céspede e cun sistema de rega automático que é unha pasada para ser un campo de 3ª Galicia. Agora, en verán darémoslle unha volta ao campo para melloralo e estamos pendentes dunha axuda da Xunta, a ver se colabora máis con nós”, explica.

Valoración final da tempada

Como valoración final da tempada, Jony Lombardía conclúe que está “moi contento, xa que o meu obxectivo era ascender ao equipo e estouno conseguindo, ademais de contar con xente comprometida que vai ao campo. Estamos cumprindo as expectativas, tanto eu como o meu equipo técnico”.

Pola súa parte, o capitán Borja Fernández sostén que esta foi “unha tempada especial, xa que eu estiven nos mellores e nos peores anos do club. Foi duro ver o equipo descendido estes últimos anos despois de estar nun bo nivel, e agora estou moi contento co ascenso  do club e do paso adiante dos xogadores con compromiso de todos para acadar o obxectivo e xogando 20 persoas todos os días. Síntome orgulloso da ilusión e do involucrado que está todo o mundo neste proxecto, un equipo ilusionado e que quere máis”.

Para rematar, quixeron dedicarlle o campionato de Liga a José Manuel Gayoso, “exdirectivo do clube e peza fundamental durante varios anos” que faleceu o pasado 22 de marzo.

Por outra banda, tamén quixeron destacar que, a pesar de que “merecemos gañar a liga por todo o traballo”, tamén queren recoñecer “a boa campaña que fixo o Rubián de Bóveda, que non conseguiu o título pero nolo puxo moi difícil. Competiron de maneira incrible todo o ano e queremos darlles os parabéns a eles tamén por todo o traballo”.