Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAMeira

A Asociación Muíño de Barxa leva unha exposición sobre a Reserva da Biosfera polos colexios da comarca

Por 8 Novembro, 2022Novembro 9th, 2022Sin comentarios

A Asociación Cultural, Agraria e Ambiental Muíño de Barxa bota a andar unha das súas primeiras actividades cunha exposición itinerante relacionada coa reserva da Biosfera das Terras do Miño, que percorrerá os centros escolares dos concellos relacionados coa Reserva.

Logo de visitar o CEIP de Riotorto, pasará o mes de novembro no CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira e no CEIP O Salvador da Pastoriza. Prevese que a exposición siga itinerando por máis centros e institucións locais coa intención de concienciar ás xeracións máis novas sobre a importancia do medio natural e as peculiaridades medioambientais do seu territorio, con especial atención aos ecosistemas fluviais que son núcleo da Reserva e os hábitats que conforman a identidade das Terras do Miño.

Nos paneis expositivos o alumnado poderá aprender a recoñecer especies protexidas na súa contorna, a orixe dos Lugares de Interese Comunitario ou a influencia histórica da pegada humana na paisaxe.

Entre os obxectivos da Asociación Muíño de Barxa, de recente constitución, figuran a conservación do patrimonio natural e cultural, o desenvolvemento rural e a posta en valor da poboación local e dos seus signos de identidade. A asociación ten intención de medrar involucrando máis axentes do territorio que permitan levar a cabo proxectos máis ambiciosos dirixidos á dinamización do territorio, coordinando un grupo de concellos rurais do interior lucense.