Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

Burela acollerá Supercopa feminina o 28 e 29 de xaneiro

Por 11 Decembro, 2022Sin comentarios

As Supercopas de España, que se disputarán o próximo mes de xaneiro, xa teñen sede. Alzira acollerá a masculina o 7 e 8 de xaneiro, mentres que a feminina disputarase en Burela o 28 e 29 de xaneiro.

Barça (campión de Liga e Copa de España), Movistar Inter (mellor clasificado en Liga regular), Elpozo Murcia Costa Cálida (finalista de Copa de España) e Besoccer UMA Antequera (campión de Copa do Rei) serán os equipos que se xoguen o primeiro dos títulos no Palacio dos Deportes de Alzira. As semifinais disputaranse o 7 de xaneiro, mentres que a final será ao día seguinte.

Pola súa banda, Futsi Atlético Navalcarnero (campión de Liga), Pescados Rubén Burela (campión de Copa da Raíña), STV Roldán e Torreblanca Melilla (os dous mellores clasificados en Liga regular) disputaranse o título feminino no pavillón Vista Alegre de Burela. Esta será a primeira Supercopa con catro equipos. As semifinais serán o 28 de xaneiro e a final o domingo 29.

 O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fai unha valoración moi positiva da elección de Burela como sede da Supercopa de España de fútbol sala feminino, que terá lugar os días 28 e 29 de xaneiro de 2023. Para o edil esta decisión da Federación Española de Fútbol ven recoñecer o traballo realizado polo club e polo Concello e considera que terá unha repercusión importante no comercio e na hostalería de Burela e tamén noutros puntos da Mariña.

Ramiro Fernández contou que “van vir catro equipos con todo o despregamento que fai a Federación Española de Fútbol a nivel organizativo, coa xente que trae para preparar o evento, máis os árbitros que virán dirixir eses partidos. Polo tanto imos ter unha fin de semana con moita afluencia de xente aquí, en Burela, o que esperamos que noten a hostalería e o comercio local, que ao fin e a cabo era polo que pelexamos para traer este tipo de eventos. Temos experiencia na organización de campionatos como este e penso que as cousas van saír perfectamente, como sempre, e tanto o Concello como o club imos poñer todo o apoio e o noso bo facer para que todo saia ben”. 

O concelleiro de Deportes considera que este evento deportivo será positivo para economía local e que repercutirá tamén na comarca da Mariña: “supoño que terá repercusión en toda A Mariña porque seguramente en Burela non poidan ter cabida todos os equipos e posiblemente algúns teñan que ir a outras localidades da zona, co cal o retorno principalmente será para Burela, pero creo que vai ser bo para toda a comarca”.